Mostrando entradas con la etiqueta KONTOS KURTOS. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta KONTOS KURTOS. Mostrar todas las entradas

lunes, 28 de octubre de 2013

MEU AVÓ ERA TINTO

MEU AVÓ ERA TINTO

 Do mesmo xeito que os boletos ou os níscalos medran nun estrano ambente de calor húmido, nas tabernas, ó caloriño dunhas achas de leña prendidas e o húmido arrecendo do viño, nacían á par rebeldes e costumistas, os primeiros acostuman queixarse con chuvia ou con sol, os segundos se rebelan contra si mesmos para dar por bo todo o que lle sucede, como si ainda tivésemos que pagar polo pecado orixinal…non nos saiu cara o carallo da mazá! Meu avó era dos primeiros, non era o que chamaban “rojo” nos tempos do dictador, meu abó ía un pouco máis aló…era “tinto”, quizás en varios termos do mesmo. Eso resultáballe especialmente problemático cando pasaba por diante do cuartelillo da Garda Civil; aí entráballe o desexo de cantar coa mesma irrefreabilidade que poida ter calquera de nos por respirar, éralle absolutamente vital. Poñíase en postura case que dereita, face mirando ó ar, brazo dereito levantado co puño hacia arriba, retorcía a boina ate deixala de lado como Che Guevara, cabicha no lado esquerdo dos beizos xa case apagada, botas e pantalón roidos e man esquerda no corazón; una vez acadada a postura escomenzaba unha canción misturando castelán e ghallegho: “Cara al sol con la camisa chea de mieeeeerda, que tú pusiste ghuarro ayeeeeeer”, case sen tempo de rematar saían os tres gardas do cuartelillo a buscalo para darlle unha palliza, que as veces recibía e outras dáballe tempo a escapar monte arriba e xa alí, onde Galiza se fai máis protectora, máis grande, máis ruda na súa orografía, máis espesa no seu verdor, onde semella medrar máis en col de acoller ós seus fillos máis perseguidos, era prácticamente ilocalizable. Soía pasar cando saía da taberna, despois dunha liorta ou despois de oir Radio Pirenaica.


Meu abó decíalle a meu pai que debaixo de Deus todos somos iguais, que ninguén era criado de ninguén, era estrano en el esa frase porque definíase a el mesmo como anticlerical e laico. Ate tal punto o levaba a cabo, que contábame meu pai, que unha vez un home díxolle:

- Joseiño, vaime buscar tabaco.

- Aih, eu non vou, que non son criado de ninguén.

- Mira que llo digho ó teu pai.

- Aih, díghallo se quere, de paso coméntelle que debaixo de Deus todos somos ighuales.(ha, ha, ha).

Non había problema. Estaba ben ensinado meu pai nese aspecto. Recordo un día que iamos no autobús e sentámonos os dous xuntos. Logo da primeira parada entraron dous gardas civís e como non había sitio foron xunta nos, posiblemente os da roupa máis raída de todo o bus e ordenáronos que nos levantáramos para sentarse eles. Meu pai levantouse como un resorte e meu abó colléndoo do hombro sentouno de novo e díxolle: “Nolos dous temos dereito a ir sentados, que para iso paghámolo billete, que vaia de pé quen non o paghou”. Nunca un momento de tensión en verdade se podía acariñar como aquel, tanto que os gardas mandaron parar o autobús, devolvéronnos os cartos do billete e nos obligaron a baixar do mesmo. Meu avó cun semblante moi marqués, baixou, mirou para min e díxome:”Nos non chegharemos meu fillo, pero eles tampouco”. Fitou cara eles con mirada desafiante e cando empezaba a andar o autobús, cos gardas ainda mirando para nos, púxose teso, man levantada, boina o estilo Che, pantalón e botas raidas, cabicha de lado e iniciou o que podería ser os principios do karaoke: “Cara al sol con la camisa chea de mieeerda, que tú pusiste ghuarro aller”…meu pai con apenas oito anos votouse as manciñas á cabeza e foi baixando chisco a chisco a boina ate deixala a altura dos ollos para mirar o que ía pasar e como non, os gardas mandaron parar o autobús e foron correndo detrás de meu avó. Non deron con el e perderon o autobús. Unha hora despois, meu pai seguía agardando onde parara o autobús, cun pauiño facendo de cabicha, tentando por a boina de lado, a roupa e calzado roido se lle supuña xa que a pobreza e a moda nunca foron da man por moito que Tommy Hillfinger rache os pantalóns, e asubiando, para rebelarse mais desde a sombra , a cancionciña cando apareceu na parada o meu avó, xa cas compras feitas do que íamos a mercar, para collermos o autobús de volta:”Ves meu fillo, ás veces non sei porque critico tanto a Franco, xa que cos mesmos cartos collemos o autobús de ida e de volta (ha, ha, ha)”. Había que velos os dous no autobús de volta! Boina de lado e con cadansúa cabicha na parte esquerda nos beizos, unha de verdade e outra de pau, pai e fillo, con ar de Almirante que acaba de gañar a maior das batallas que o mundo coñeceu, a liberdade, polo menos a súa liberdade.

Pasou o tempo e xa morrera o dictador, meu abó entrou á taberna a comprar tabaco, somentes ía mercar tabaco, de verdade, el xura que somentes ía buscar tabaco de picadura, mais o tabaco tivo a peor dos infortunios, o de xuntar a necesidade de nicotina do meu avó cunha parexa da garda civil que alí fora a tomar unha taza viño. O taberneiro vendo a situación apurou en servirlle o tabaco, pero xa era tarde, xa tiña a mirada fixa na parexa, xa estaba asubiando o “cara al sol”, xa estaba dibuxando o seu perfil tinto, puño arriba, pito encendido, a boina o estilo Ché e collendo un peso ca cara de Franco díxo:“Cóbralle aí o defunto”(ha,ha,ha)..e outra vez a escapar bulindo a fume de carozo da benemérita, a derradeira vez, polo menos que me contaran, cando menos para el, seica para outros…




lunes, 24 de octubre de 2011

A voz desde a barreira


Bieito¡ Bieitiño¡ Meu Bieito¡. Soaba unha voz de muller rachada de anguria, pena e desesperación.
En Palmeira existía hasta non hai moito unha barreira desde a cal as mulleres chamaban os seus fillos, era moi curiosa, non se sabe ben o porqué pero estiveras onde estiveras podías escoitala. A barreira era un precipicio de aproximadamente tres metros (agora desde que fixeron o recheo apenas chega o metro e medio), que ía dar a praia, situada entre duas casotiñas, que viñan sendo pequenos alboios nos que se gardaba de todo, desde animais, galiñas e porcos principalmente, ate toda clase de aperos tanto de labranza como de pesca, incluso chegou a vivir xente dentro delas. Cando eramos pequenos xuntábanse todalas nais da Arrochela para chamarnos e nos, pequenos demos metidos en calquer recuncho do pobo, oiámolas e corríamos para a casa a fume de carozo.
Bieito¡ Bieitiño¡ Mue Bieito¡
Unha vez atopamos a un vello, ca camisa por fora, que nos contou a lenda da voz da barreira. Xuntámonos o redor del expectantes e escomenzou a contar a historia: Aló polo 1940, había unha muller chamada Maruxa, fermosa como ninguna, moreniña con grandes ollos verdes, que tivo a sorte de ter un miniño e mala sorte de que lle morrera o marido tres días antes de nacer. O miniño chamábase Bieito e era a sua razón para vivir, traballaba de sol a sol para que a Bieitiño non lle faltase de nada, era unha nai como poucas, desvivíase polo seu filliño. Bieito non era un rapaz malo, todo o contrario, era moi bó pero como case todolos rapaces, un pouco fedello, un chisquiño traveso. Unha vez el e dous amigos máis con so once anos, colleron unha dorna do peirao e foron dar unha volta con ela ate a illa da Tixosa. Nese mesmo intre, cambiou o vento, entrou unha tormenta e escomenzou a subir unha forte oleaxe que os mandaba cada vez máis lonxe da Praia. Empezaron a gritar para que alguén os fose buscar, pero non había ninguén que os poidese escoitar…tres días despois apareceron os corpo de dous dos rapaces nunha praia da Illa da Arousa, pero non Bieito, ni a embarcación, mais pouca esperanza había xa para el. Maruxa cando se enterou da noticia toleou, foi para a barreira e escomenzou a chamar a Bieito:
Bieito¡ Bieitiño¡ Meu Bieito¡ .- Os gritos eran cada vez máis desgarradores.
Estivo tres días e tres noites seguidas, baixo a chuvia e os relámpagos, chamando ó seu fillo desde a barreira, a xente ía buscala para que volverá para a casa, que era unha pena pero que Bieito xa non ía volver, pero Maruxa tiña a loucura ou a fé, non se sabe ben, que chamando desde a barreira, Bieito oiríaa e voltaría con ela. Os tres días Maruxa morreu, caeu abatida por un raio caeu ó chan e rolou ate caer pola barreira, onde ó chegar dou ca sua fermosa face contra unha pedra, desnucándose e chamándo co seu derradeiro alento o seu filliño.
Bieito¡ Bieitiño¡ Meu..¡
Os catro días apareceu a dorna con Bieito acurrucado dentro dunha das bancadas tapado con redes, cheo de frío, pero vivo. Unha vez máis, ainda que tarde a barreira seguía cumprindo co seu traballo. Desde entonces nas noites de tormenta cando un raio cae cerca da barreira podese adivinar a figura dunha muller morena con grandes ollos verdes, fermosa como ningunha, que cunha voz desgarrada segue buscando ó seu fillo:: “Bieito¡ Bieitiño¡ Meu Bieito¡, que ninguén sabe quen é…agás eu.
O señor Bieito, ca sua enrugada cariña, empapadiña de bágoas, ca sua camisa por fora e a sua pena por dentro, levantouse e encarando a barreira berrou:
Nai¡ Naiciña¡ Miña nai¡

miércoles, 12 de octubre de 2011

CARMELA


CARMELA
Foi una desas mulleres que non pudo facer a sua vida, a pesares de ser ben fermosa en moitos sensos, por ter que marchar para darlle de comer ós seus país. Foise a Madrid a traballar de muller de servicio, en fin, naqueles tempos chamábanlle de criada ou sirvienta, o cal era máis axeitado ou polo menos máis axustado á realidade pois en troques dos extintos señores feudais apareceron os novos ricos que eran case peores. Unha vez morreron os país voltou para a sua casa, que xa nunca abandonaría ate a sua morte. Era unha muller de forte carácter, ainda que rezumaba bondade por tódolos poros da sua pel, polo que era querida e respetada por tódolos vecinos, rexeitaba a inxustiza, ainda a pesares de que a inxustiza a estivo acompañando a maior parte da sua vida. Neste senso vouvos contar a historia que dela ouvin e que non sei que daría por vivila in situ. Por certo aló donde te atopes, quero que sepas que na miña casa, antes a túa, será haberá un oco para ti como ti sempre o tivestes para nos, por sempre grazas.
Alá polo 1950 existía en Galiza a figura do paneiro. O paneiro non tiña nada que ver co pan, senon cos panos. Era o que ía vendendo os retais polos pobos, este en cuestión, foi o que nos tocara en Palmeira, que lonxe de ter a humildade do que vende polos camiños, tiña a fachenda do que che perdoa a vida, cecais os principios do Corte Inglés …ate que chegaba a porta de Carmela. Ai! Haí daba en oso. Para chegar ate alí baixaba pola Rua do Espiño ate dobrar a dereita para encauzar a Rua do Medio e caseque o final no número séis achábase a casa da nosa protagonista. Carmela sempre rifaba con el:
- E logho canto pides por esa retal dourado?.
- Son cinco pesos.
- Cómo? é dourado ou é de ouro?.Ti toleaches, levas dous e xa vas pagho, ladrón do carallo, que aquí somos xente humilde pero non parvos.
- Non , por dous non cho podo deixar, senon perdo eu cartos.
- Pois logho vaite, xa volverás e despois heichos de dar ou non.
- Como moito catro e xa non lle ghano nada.
- Que te vaias, que agora xa non cho quero nin reghalado.
Cousas do destiño, ou non, o paneiro volvía como os cans asustados, co rabo entre as pernas, e petaba na porta de Carmela:
- Mira, vas ter sorte muller, xa é o último que me queda por vender así que valo levar polos dous pesos.
- Aghora non sei si cho quero- decíalle dándolle os dous pesos cunha man e arrincándolle o anaco de tela ca outra.
Desde esa, a maior parte dos vecinos dábanlle os cartos a Carmela para que lle mercase as telas, pola outra banda o paneiro cada vez que encaraba a Rua do Medio, xa ía con medo, percurando non parar moito cando vía que saía do número séis a sua dona.
Carmela tivo que marchar a Santiago a coidar no hospital a unha tía súa que tiña segundo os pseudomédicos unha enfermedade rarísima, semellante o aire do morto, estaba completamente esblancuxada, desnutrida, roída pola fame, destrozada polas andraxes da vida miserenta e escrava, pero xustificábase mellor polo aire do morto, quizáis cerrando os ollos á realidade ésta troca ate converterse nun paraíso, ou eso debían coidar eles.
O voltar para a casa, unha das veciñas, posiblemente a máis probe da rua, foille ensinar un retal que mercara cos aforros que lle quedaran despois de pasar penurias e traballo arreo para poder facerlle un vestidiño á sua pequena que xa non tiña case roupa que por:
- Mira Carmela, que retal dourado merquei onte para facerlle un vestidiño a Maruxiña.
- Ai! E máis é como o meu, pero non te preocupes que eu troco por outro e listo, de feito é unha cor máis para un meniña que para min. E canto che costou?.
- Costoume séis pesos.
- Canto? Séis pesos? Pois a min cobroume dous.
A veciña, derrubouse, e caendo de xoenllos o chan escomenzou a chorar, pois só ela sabía as que penas que pasara para poder mercar o retal, para que encima se aproveitaran dela desa maneira, non en van hai o dito: sempre chove na casa do probe. Carmela o vela tan triste e avergoñada, agarrouna do brazo, levantouna e dixo:
- Non chores, que mañá ten que pasar por aquí.
Ó día seguinte, o paneiro coma sempre baixou pola Rua do Espiño, torceu a dereita, e ainda non rematara de encarar a Rua do Medio, cando na parte da abaixo, do número séis, saia Carmela. Quedou parado, non sei si foi a intensidade da mirada dela ou os remorxos polo que fixera, pero fíxose un silenzo tan incómodo como espeso, que soio rachou Carmela:
-Aaaah, ladrón do carallo, a ti quería eu verche…
Non fixo falla nin unha verba máis, nunca unha tormenta cuspíu un raio tan rápido como o paneiro soltou os catro pesos. Nunca os xuices e avogados crebaron unha inxustiza en tan pouco tempo e de maneira tan tallante como a nosa heroína. Ogallá o mundo se enchera de Carmelas e non de falsos coidadores da xustiza para que os paneiros deste mundo, que hai moitos e de moitas crases, non se saian sempre ca súa cando de exprotar ós débiles tratan.

miércoles, 30 de junio de 2010

GALIZA FEDELLA III (E ainda segue sendo o seu irmanciño)


GALIZA FEDELLA III
Noutrora, neste mesmo tempo do que andábamos a falar, o señoritismo xa pasara dos agros ó mar, e as novas crases medias eran se cadra menos aturables que as de máis enriba. Non por nada alguén escribiu o refrán de “nin pidas a quen pideu, nin sirvas a quen sirveu”, así e todo, a sorna neste país alcanza a sua expresión máxima nas xentes máis cativeiras ou polo menos así os miran os que non se decatan de que eles, e só eles, perseguidos, marxinados, exprotados e sen máis estudos que os que o traballo a reo e a vida escrava lles daba, fixeron perdurar no tempo esta nosa lingoa, grazas a todos eles e sen máis imos co conto.

E AINDA SEGUE SENDO CAPITÁN
Esta é a historia de Xosé, mariñeiro de profesión, traballador e bó bebedor, perdidamente enamorado da sua muller. Estaba este Xosé enrolado no “ROSIÑA III”, un mariñeiroque xa fora ó peixe espada nas Illas Azores, no verán e ó atún en Sudamérica, e agora en Terranova o bacallau. Tiña bandeira de conveniencia, para evadir toda crase de impostos , debía ser dos poucos (ha,ha,ha) que había así. Era o barco máis desarroupado, máis remendado e máis inseguro que había no Atlántico, ainda así e todo, o Capitán xuraba que era un barco moi mariñeiro, malia os cartos que lle tiña que arrear o Armador ós das inspeccións do traballo para poderen sair con el.
Pois este era o noso case protanista, polo menos o antagonista da nosa historia, era Pesca nos barcos do bacallau, dos que ían ó Canadá ou a Noruega. Gorentaba este personaxe de cazar as pombiñas cunha escopeta, desas parecidas as do tiro, pero sen a mira desviada. Este señorito tiña a mala costume cando navegaba ate a praia onde pescaba, de por a calquer mariñeiro que el consideraba que non estaba facendo nada, a libertar paxariños, metidos nunha xaula, para probar a sua puntería. Mais cando non atinaba con eles enfadábase como un cativo de oito anos cando lle quitan o seu xoguete preferido e pagábaas co coitado que liberdara as pombas, encomendándolle as tarefas máis duras, inventando traballos inexistentes, manciñandoo como persoa e como traballador ate ponto de pedir a baixa na empresa ó rematar a marea, que si xa en por ela era longa dabondo, a ruindade deste bipedestante animaliño, facía que semellase interminable para o que o tiña que sufrir e mesmo para os seus compañeiros que non daban feito para axudarlle por moito que tentaban arroupalo entre todos. E isto pasaba tódalas mareas, porque si ben pescando non valía moito, como persoa non valía nada e como tirador menos, era pésimo a pesares de disparar cunha escopeta da que se fachendaba decindo que era a mellor e máis cara do mercado, que prácticamente dispara soa..mellor nos iría a todos se eso fose certo-pensou Xosé.
Pero houbo unha marea na que lle tocou a desagradable tarefa de darlle a falsa liberdade as inocentes pombiñas a un rapaciño de trece anos que alí embarcou, escapando da fame. Este era Xanciño, un rapaz moi bó, moi traballador, moi tímido que enseguidiña calou entre a ruda e nobre xente mariñeira, todos lle chamaban meu irmanciño, por que a todos mirando cara el lles recordaba ós seus comezos, cando eles tamén eran “Xanciños”.

O Pesca, namentras ían na ruta, chamou a Xanciño á ponte de goberno, e mandoulle ir buscar os paxaros para soltalos. Xanciño que xa oira as maneiras deste energúmeno, foi con medo en busca das aves. Xosé, atopouno ca xaula na man, chorando e tremendo co medo e preguntoulle:
- Onde vas ca xaula?
- Tocoume a min- dixo con bágoas nos ollos-, a ver si acerta este fillo de puta.
- Por iso non chores meu irmanciño, que hoxe vounas liberar eu contigo, dame eso a min e non te preocupes, que el terá máis poder, máis rango, máis cartos, pero nos somos dous a pensar, e lonxe de chorar, hoxe has de rir.
- Agradézocho Xosé, pero non quero que quedes mancado pola miña culpa.
- Que non te preocupes-dixo chiscándolle un ollo a Xanciño- que a soberbia desta xente é tan cega como a sua puntería.
E alá foron os dous para a proa a darlle a liberdade de conveniencia, ás pombiñas de conveniencia, co Pesca de conveniencia no barco de Bandeira con máis inconvintes que endexamáis cruzara os mares.
Dixo Xosé:
- Capitán, escomenzamos a liberalas- dixo Xosé.
- Sí, que xa estou preparado.
- Xanciño- dixo en voz baixa- ti vaimas pasando de maneira que non as vexa.
Xanciño colleu a a primeira pomba ainda mergullado no medo e nas bágoas e doulla a Xosé. Xosé retorceulle o pescozo e tirouna o ar para que o señorito disparase…oieuse o estalido e o silbido do disparo que non pasou nen sequera preto da pomba, pero que como xa estaba morta, caiu fulminada ó mar para regocixo do nefasto antagonista.
- Vedes que puntería teño, son ou non son o mellor do mundo disparando Xosé?.
- Si oh, xa non se fala doutra cousa neste mundiño da pesca que da sua puntería.
Xanciño, agachou a cabeza e tapando a boca ca man, rieuse silandeiramente por fora, mentres escachaba de risa por dentro.
- Veña, veña Xosé, votade outra.

A xogada era a mesma, e de cada vez que disparaba, alongábase máis nos seus comentarios, vanagloriándose do seu esprito de gran cazador, e canto máis falaba máis se ría Xanciño. Xosé sorrieulle e doulle un abrazo como o dun pai a un fillo, a pesares de non ter ningún por mor da enfermedade que a muller da súa vida, a sua princesiña como el acostumba chamarlle sufría.

Pasou moito tempo desde aquelo, xa Xanciño era un home feito e dereito, que mercara o seu propio barco e foi para unha taberna donde tiñan costume de reunirse os mariñeiros. A Xosé a vida non lle sorrira nada, morrera a sua princesiña, e por riba atopábase pedíndolle, que digo pedíndolle, supricándolle traballo o miserento do Capitán cazapombas que lle gritaba diante de todo o bar:
- Como che vou a dar traballo, se eres o peor mariñeiro de toda a pesca, ademáis xa estás moi vello.
Xanciño, foi cara el, había moito tempo que non o veía e correu para abrazalo:
- Meu pai, non lle fagas contas a este merdento, ti veste a traballar conmigo, faime falta alguén de confianza e que sepa de verdade o que é o mar.
O Capitán ofendido díxolle a Xan:
- Así, con esta crase de xente endexamáis che irá ben a empresa, faime caso que eu teño un título de Capitán, sabes por que o teño?.
Xan mirouno de arriba abaixo, chiscoulle un ollo a Xosé e botando unha gargallada díxolle:
- Sí home, si que o sei…pola puntería (ha,ha,ha,ha).
Agora o que reía era Xosé, que marchou co seu irmanciño a surcar de novo os mares, alén dos cazapombas.

Por desgraza quedan moitos cazapombas neste noso país, que achan en disparar onde atopan debilidade unha maneira de sentirse superiores, por sorte moitas veces erran eses disparos. Mágoa que este mundo non se encha de Xanciños, mais que se anden con ollo que cada día somos máis....

miércoles, 2 de junio de 2010

GALICIA FEDELLA II (E a primeira vez que vin...)


Mil demos non saberían expricar o porque desta nosa forma de ser, nen tan siquera da nosa maneira de non ser, decían nunha coñecida película: “cando crees que os estas fodendo, eles estanche fodendo a tí”, pode ser outra seira de redimir as nosas inquedanzas, os nosos anceios, ou simplemente ese sentido da supervivencia que nos dou o tempo da fame. Non trato con isto de xustificar todo o que se faga no nome da mesma, nin moito menos, agás cando os que pasan fame son os teus fillos, a túa xente, namentras ós que lle roubes non sexan os teus veciños que a moi duras penas logran cumprir esa necesidade básica. Nunha Galiza, envolta no tempo da postguerra, contábanos unha muller de máis de noventa anos que nos atendía nun bar a historia que deseguido vos vou relatar, que mentras nos ía narrando o que ela vivíu saían nas noticias que o goberno ía crear unha lei para que se aprazase a xubilación ate os setenta anos…parou un intre, mirou cara a televisión, fitou cara nos e dixo: “a ver como fagho eu aghora para cheghar a eles, ghopinhos” e votou a rir (ha, ha, ha)… demasiado galega ate para min.

E a primeira vez que vin…
E a primeira vez que vin un mercedes furado por unha escopeta de sal….
Era unha parella desas que veñen de fora, dos que dín: “que bonito es Galicia, lástima que su gente sea tan atrasada”, namentras ensuxan os nosos montes, as nosas praias, en fin, a nosa natureza con toda crase de basura que eran capaces de xenerar. Non ían tiralas a unha papelera, porque para iso xa estaban os atrasados do pobo, e só eles, no mes que viñan a pasar o vran a Sanxenxo, facían que comeramos quentes o resto do ano ou eso creían eles, e nos ensinaran o que era a vida de verdade, como se inventaran eles a Universidade de Santiago, ou o Windows, ou o tratamento para o cancro, senon todo o contrario, foron e siguen sendo o cancro de Galiza, non respetando a nosa natureza, encarecendo a vivenda e facéndose cas empresas e a enerxía que esta nosa nazón produce… mais iso non cabe neste conto, quizais nun posterior, cando o meu coñecemento poda rubirlle un chisquiño entre os tobillos e a rodilla, do libro que mellor exprica a realidade galega, do mellor dos galeguistas, da figura que mellor nos representa…por suposto falo de SEMPRE EN GALIZA de Daniel Afonso Rodríguez Castelao, namentras, só tratarei de facer chegar a vos a sabeduría da nosa xente. Pois estaba a nosa parella de veraneantes pola Galiza rural de Ardán (localidade de Pontevedra), cando de súpeto viron un home que estaba nunha leira apañando sacos de patacas e meténdoos nunha furgoneta:
- Cari, podríamos comprarle un par de sacos para nosotros, seguro que se los quitamos por dos duros a estos aldeanos.
- No me parece bien que nos aprovechemos de su ignorancia, pero…que caray, también ellos nos cobran bien los “cafeses” en Sangenjo.
O macho Alfa desta parella dirixiuse ó labrego e díxolle:
- Hola, mira, queríamos comprarte dos sacos de patatas ¿Cuánto valen?.
- Mire, valer valer, valen máis do que vostedes poden pagar, pero por 50 pesos cada un poden levalos.
Fitaron un cara o outro e en voz baixa para que o noso labrego non os escoitasen namentras tiñan a seguinte conversa:
- Ah, que barato es, pero estos gallegos son muy ignorantes, seguro que si le ofrecemos menos, nos lo deja a la mitad de precio.
- Fijo que sí, cari, déjame a mí, ya verás como lo engaño.
O home seguía enchendo a furgoneta cos sacos de patacas cando notou como se volvían a dirixir a el aquela parella de fora:
- Mira, señor, nos parece un poco caro, y además no tenemos más que setenta “pesos” como le llamais aquí, así que si los quieres, nos tienes que vender las patatas por ese precio.
O labrego mirou cara eles, asentou ca cabeza, colleu os cartos e díxolle:
- Ahí as tendes, collédeas.- Colleu os cartos, subeu a furgoneta e dispuxose a acendela para marchar.
- Mira, perdona, porque te vas tan aprisa, ¿no tienes tienes miedo a que en vez de coger dos sacos cojamos tres o más?.
- Mirade, collede os que queirades, eu teño que marchar.
- ¿Qué dijo cari?.
- Yo que sé, alguna tontería de estos ignorantes.
De súpeto escoitouse un berro dalguén que corría cara a eles cunha escopeta:
Me cagho na cona que vos pariu, ladróns do carallo, fillos de puta¡.- Era o dono da leira, que escomenzou a dispararlle con balas de sal, que non matan, pero firen os orgullos, curan as soberbias e malpoucan os vehículos.
E a primeira vez que vin un mercedes …

domingo, 9 de mayo de 2010

GALIZA FEDELLA I (E ANDA A SERVIR.- tricontoloxía)


Disque somos un pobo que non se sabe si subimos ou baixamos, se imos ou se vamos, quizais teñamos a sabedoría dos que unha vez foron perseguidos, humillados, explotados dentro e fora das nosas fronteiras, crebados lingüística-mente, polo que tratamos de non dar pistas de onde achar as nosas debilidades para non poñerllo doado os que trataron de facelo e que aínda seguen, agochados na máscara política e de igualdade, para tratar de reventar todo o traballo que de reo tiveron os nosos antepasados, para eles e sobre de todo no nome deles, vai dedicada esta nova tricontoloxía

I
E ANDA A SERVIR….
Carmela era una muller intelixente, desas que só a falla de escola fixeron que rematara os seus días servindo na casa do señorito. Iso si, o seu traballo tomábao en serio, como o mellor traballo do mundo, non en vano é tan importante neste mundo ter un bo avogado como un bo camareiro. Pois ela era a mellor serventa do mundo, escomenzou con tan só nove anos, e agora xa tiña setenta, e despois de pasar dúas xeracións de exprotadores na súa carne, con toda a dignidade que che da o traballo ben feito, recoñecido e recompensado pasou a servir á neta da primeira señorita, como se acostumaba a chamar naquel tempo, ou Doña Sinda, a pesares de basar o seu rango na vida na desviación proxeneta do seu marido que achou na súa necesidade de comer, o remedio rastreiro as súas necesidades sexuais, o que definiu Castelao na súa obra “OS VELLOS NON DEBEN NAMORARSE”, máis o que se definiría como vello verde, pasou a ser namoramento só por mor dos cartos… semella como a exprotación infantil que tanto aborrezo, pero parece ser que si o meniño canta e actúa non é, pero si traballa recollendo cartóns para poder saír da fame, entón si, entón é exprotación infantil, e inflúe na seu percorrer como meniño, o outro…seica non…
En fin, Carmela levaba toda a súa vida facendo a súa laboura como serventa sen ningunha tara, sen ningún reproche ate que chegou ela…a nova señorita.
- CARMEN¡ Los platos no están lo suficientemente limpios, hay que limpiarlos mejor.
Carmela, que era una muller de gorentaba de facer a súa laboura o mellor posible, porque para ela facer ben o seu traballo era importante, relimpou os pratos dúas e tres veces, pero a cantiga sempre era a mesma:
- CARMEN¡ Los platos no están lo suficientemente limpios, hay que limpiarlos mejor.
Carmela foi ó río das augas máis mornas e fregou con area da Praia os devanditos pratos, secounos ca la do único traxe que ela mesma tiña para os días de festa e prantounos na mesa co máis grande dos cariños, e tivo que escoitar:
- CARMEN¡ Los platos no están lo suficientemente limpios, hay que limpiarlos mejor.
Carmen xa estaba desesperada, e non sabía que facer para ter aqueles pratos, que nin de fábrica saíran tan brancos, o suficientemente inmaculados para que a señorita non lle puxera tara, e…mexoulle enriba deles.
O rematar volveullos a por na mesa na que estaba co seu home vello e cos vellos amigos que tiña, e díxolle:
- Vés Carmen, así sí que están bien, que le hiciste.
A señora Carmela fitou cara ela e coa habilidade que nos dá a sorna desta terra díxolle:
- Era falta de auga quente, señorita (hahaha).
Xente intelixente, xente valente, só así se entende que só eles, os nosos labregos, os nosos mariñeiros, os nosos escravos, foron quen de perpetuar esta nosa lingua.

martes, 2 de marzo de 2010

BOLBORETAS MORTAS


Falaba el só, ou non, naquela cova, que nin a luz do día chegaba a iluminala, por riba cando subía a marea enchíase de auga, deixando sómente un furado na parte traseira que seguía quedando en seco facendo de cama e de miradoiro, todo á vez, e malia que estaba case todo ocupado por dous estraños vultos, deixaba o sitio suficiente para o noso protagonista:
- Estaba tolo dicían, estaba tolo …e máis un carallo¡
- Estaba tolo, dicíano os médicos e as enfermeiras daquel psiquiátrico.
- Está tolo, está tolo, dicían os sisados sómente porque decidín vivir con elas.
- Saqueinas das gaiolas que constrúen os humanos para enterrar os seus seres queridos, os seus seres queridos¡…e o tolo sigo sendo eu (ha,ha,ha).
- E si estou tolo, que? Quen non ía tolear vendo como desangraban as súas bolboretiñas; como alguén lles arrincaba xa para sempre a súa capacidade de voar libres.

A marea estaba baixa, e fora oíase o rosmar da xente. Era un día tristeiro, dos que sementan depresións na atmosfera e na alma da xente, día escuro dun inverno chuvioso por máis, de maneira que só andaban nas rúas os que trataban de atopar ó noso tolo da cova por máis que no seu interior sentisen que non debía facelo, porque, quen eran eles para xulgalo, quizais a liña entre estar ben ou tolear era máis frouxiña, máis cativa do que coidamos, sómente fai falla algunha desgraza que por mor do infortunio ou da ruindade dalgunha xente se podía producir, emporiso que a búsqueda era constante pero non moi a fondo.

O tolo, seguía falando case que só na cova, case que nu de roupa e de conciencia, case que famento de comida e cariño, case carente de sentido aínda que ca xenial xesticulación e a expresividade de ollos que a loucura magnifica ate case deformar as faces:
- Miñas bolboretiñas, miñas bolboretiñas, xa ninguén volverá a facervos dano.
- Maldito fillo de puta, has de apodrecer antes que elas, porque a ti, a ti non hai amor no mundo que se saque do nicho….fillo de puta.
- Coidabas que te ías librar por ser o fillo do señorito…e máis unha merda, vos tamén sangrades cabróns, incluso máis que os pobres que só nos temos os uns os outros.
- E eu só tiña a elas, as miñas bolboretiñas..non che chegou con abusar delas, con mexarlles por riba, por deixar que a bolboreta nai tivese que ver como lle facíalles tamén iso á bolboreta filla e como a matábades, para finalmente matar tamén a ela para que non che puidesen denunciar.
- Peor foi ter que oír no estrado que o xuíz che daba a liberdade por encontrarte nun estado alterado cunha perda da consciencia por mor dun medicamento que dis que tomabas, despois de escoitar todo o que fixestes con elas.
- Pero non contabas que onde se perde a xustiza e os xuíces estaba eu, que sen mediar máis que o tempo necesario para atravesar a liña distancia-temporal entre o ditame do xuíz e a separación que entre nos había, degoleiche á vista de tódolos que encheran de cartos a xustiza para que ésta mirara para o outro lado.
- (ha ha ha) Só a morte e común para ricos e para pobres, sentín como perdíalo alento igual que as miñas bolboretiñas, vin como os teus ollos que antes ollábanme por riba do ombro, agora pedían compaixón…e máis unha merda¡ si de algo me arrepinto e de que sufriras tan pouco, só agardo que o demo remate o traballo que eu só comencei.
- Por iso foi que me enviaron a aquel psiquiátrico, por abrazarche e mirarche ós ollos co mellor dos meus sorrisos namentres te desangrabas.

Naquel psiquiátrico obrigábanme a ler, como parte da miña terapia e déronme un libro dos antigos pobos celtas. Un deses pobos tiñan o costume de embalsamar o corpo dos seus defuntos para conserva-los por si algunha vez as súas almas decidían reencarnarse en eles mesmos, explicando con todo detalle a composición dunha poción utilizada, polo que decidín fabricala. Unha noite máis escura que os mesmo inferno, achei a maneira de escapar e fun desenterrar á miña muller e máis á miña filliña, embalsameinas e acochámonos os tres nesta cova na que agora estou:
- Sei que pensades que son un tolo por querer estar con elas.
- Non digo que non teñades razón, pero tódalas noites deitome o carón delas e sego sentindo o calor, o cariño e ate o agradecemento por non deixalas apodrecer naquel nicho.
Desde entón todo o mundo anda a miña procura, sen darse conta que estou naquela cova, xusto debaixo dos seus pes, e aínda así non son capaces de atoparme. Xa é tarde, e como tódalas noite súbome enriba do furado, doulle dous bicos ás miñas bolboretiñas e durmo ó seu carón ..pero esa mesma noite tiven un soño extraño: soñei que os seus corpos encoirados por mor da poción abríanse como crisálidas e dentro delas saían outra vez vivas as miñas bolboretiñas e namentres me bicaban…despertei.
- Que merda fago aquí, outra vez neste psiquiátrico.
- Xa me atoparon de novo este fato de cabróns insensibles.
- Si me atoparon a min, tamén as atoparon a elas, que fixestes con elas, cabróns.

Volvo a derrubarme, volvo a chorar, de pena, de rabia, de noxo…non sei ben de que, pero o certo e que as bágoas ademais de limparme a cara tamén me empezaron a limpar a mente, a liberarme dos azos da tristura, deixando de ter compaixón de min mesmo, e pensar en escapar para buscar ás miñas bolboretiñas. Collín un coitelo da cociña daquel hospital e cal fillos de señoritos empecei a matar a todo aquel que trataba de pararme ate chegar finalmente fora. Aproveitando a escuridade da noite, corrín cara a cova e case como se escoitase un enfeitizado canto de nereida chamándome, tireime ó mar, xa que a marea estaba chea, e metinme dentro dela…pero non estaban:
- (ha ha ha) Non foi un soño, non foi un soño, as miñas bolboretas voan de novo, e despois dicían que estaba tolo (ha ha ha). Esa noite a marea subiu máis que nunca naquela cova, ate afogar a súa risa, a súa vida pero non o seu soño.

viernes, 22 de enero de 2010

NOBREZA III


NOBREZA III
Nin fu, nin fa
(nin fuxen, nin fame)

…avóa, porque sempre fas un bolico de pan de máis?…..

Era un home de carácter reservado, case que ruín, case que huraño, xérmen do escravismo da Galiza esfameada. Daquela non había exprotación infantil, só había fame ou traballo, e moitas das veces dábanse os dous casos. Xurdíu da Galiza rural, da Galiza escrava, meniños que o mesmo ían as piñas para o señorito, que ían remando durante horas nunha dorna…durante anos nunha vida…para poder levar á casa algo de comer, e comer eles mesmos. Bon, pois algo así era o meu bisabó, criado a base de traballo desde que aprendeu a andar, nadie lle regalou nada, todo o contrario, traballando de arreo prácticamente polo prato de comida; xa aboliran a escravitude había un século nos Estados Unidos pero en Galiza todavía continuaba, eso sí, non tiñamos racismo; para os señoritos era igual un home de raza aria que de cor, sempre e cando o poudese explotar.

Pero dentro da pobreza tamén hai crases, na casa do meu bisabó nunca faltaba pan, todolos días faciamos un bolico de pan no forno que tiñamos, e iso era case ser ricos naquel tempo. O resto da rua na que estaba emprazada a nosa casa eran pobres case de último nivel, dos que botaban dous días pedindo polas aldeas para poder levar un bolico de pan co valoro ou con sorte algún anaco de touciño por facer un traballo que ben valía o porco enteiro..

Foi un deses días nos que a fame semella querer buscar os límites os febres humanos, finxindo limitacións en troques de virtudes que ninguén imaxinaría que poideran xurdir entre tanta miseria….estaba meu bisavó só na casa, pois a sua dona (a miña bisavoa) saira para traballar. De súpeto escoitou un ruido no forno e votou cara alo correndo. Ao chegar escoitou como dentro do forno no que se estaba a facer o pan saían uns laios de miniños… eran de duas rapaciñas que vivían aló cerca e que eran pobres de último nivel, que cando xa non poideron máis e entraron para coller o pan do mesmo forno, quedaran encerradas, donde se estaban queimando por medo as represalias do meu bisavó.

Meu bisavó, temblándolle as mans, sacounas do forno, queimadiñas, dooridas, avergoñadas por tratar de roubar o pan, apoucadas, porque sentían que estaban facendo algo malo, “NON ROUBARÁS”, decía a igrexa, pero sin embargo non falaba nada da fame, “NON ROUBARÁS” algo que tentaba contra as dores da alma pero que nadie lle dixo a elas, coitadiñas, como eliminar as dores que a fame producía no corpo, "NON ROUBARÁS" pero ninguén lles decía "NON PASARÁS FAME"; e dándolles o pan que tiñamos para nós ese día, mandounas para a sua casa e en canto marcharon o ruin home de ferro escomenzou a chorar.

Pouco despois, chegou a miña bisaboa e foi sacar o bolico de pan do forno…mais non se atopaba alí, polo que lle dixo ó meu abó:

- Xosé, collestes ti o pan da lareira?
- Non, eu non.
- Pois alghén o roubou…seguro que foi Maruxa, vaime a escoitar.
- Estate queda, compañeira, pídocho por favor.

O meu bisavó agarrouna antes de que poidera sair da casa, e ainda con bágoas na cara, abrazouna e contoulle o sucedido. Nunca miña bisavóa vira ó seu home mergullado na sua propia tristura, vencido polas desgracias alleas, cando as propias nunca o fixeran, e desde entonces na miña casa fanse sempre dous bolicos de pan e deixámos un deles fora da lareira, que unhas veces desaparece e outras non, pero nadie pregunta por el...

Nobreza ou pobreza? Si cando desde a pobreza pode aparecer a máis grandes das nobrezas, ca riqueza e o traballo compartido, ninguén debería pasar fame. Oxalá este sentimento chegue a quen poida facer algo……..

martes, 30 de junio de 2009

NOBREZA I.- NIN FU NIN FA (nin fume nin fame)


NOBREZA I
Nin fu nin fa
(Nin fume, nin fame)

Adoitaban xogar antes de comer…corrían os principios dos anos 60, o tempo da fame. Unha pelota feita de tripa de porco era o seu balón regulamentario, duas pedras as porterías e a praia o terreo de xogo. Qué Maradonas perdeu este pais por culpa da fame!

Pero como decía, adoitaban xogar antes de comer; facíano descalzos na praia, pero non por medo a encher os zapatos de area; nas zapaterías non entraban areas e nas casas non entraban os zapatos.

Ás dez da mañán baixaron para a praia a xogar, sempre antes de comer, ás veces tamén baixaban as cinco da tarde pero seguía sendo antes de comer…Había un que de tan feble que estaba non podía xogar e era o encargado de radiar o partido: “escomenza o partido na praia da Corna, hoxe non hai unha boa entrada, o público non ateigha as bancadas pero sí está entreghado as cores dos seus respectivos equipos…”
- Cala xa cheiño de moscas.(ha ha ha ha).
Pero el seguía metido no seu papel de comentador deportivo: “Por parte do equipo MAISFAMENONCABENOMUNDO xoghan co sighiente equipo: como porteiro o fillo de caghanoregho Mooooooonchiño, como defensas o trío da morte: Xosé o Paspallás, Parruliño o fillo do enterrador e Pedriño o da Santa Compaña e no medio o duo menos dinámico, tamén conosidos como “quinseañostienemiamor”, Serxiño o de Moncha e o Ghopiño da Batea e a estrela do equipo na punta do ataque Maaaaaaaaaartín Luterquín (ha ha ha), namentres polo outro equipo NOSAINDATEMOSMAISFAMECAVOS como porteiro, o único porteiro manco do mundo Xanciño o de Socorro, como defensas os rápidosdepontequieto Manoel Nervioroto, Marquiños o tarado e Xurxo o tartamudo máis faladoriño do mundo enteiro, completan o equipo no medio do terreo Toñito champanacona e Xiao o esmirrao, e como dianteiro ó unico do equipo que a veces hasta come na casa (ha ha ha), o Puskas de Montañó (en realidade chamábanlle Puskas non polo forte que disparaba senon porque como Puskas era o único ghordiño nun mundo de desnutridos).
Xa despois no medio do partido os comentarios entre os xogadores eran os típicos: “eu chuto máis forte que Puskas”, “non vale furar”, “e o balón entra na portería contraria a todo filispín”, “mira que ghol á reviravolta”, “como volvas a trallar vaste fora do partido, mona do carallo”, “apásama por enriba que vou na llama meu irmán”, “pasa a pelota, chupón da merda”, en fin, os comentarios non eran moi técnicos pero sí o suficientemente aclaratorios.

Xa case levaban catro horas xogando, eran as dúas do mediodia, cando paraban o partido por non poder máis (que Maradonas perdeu o pais por culpa da fame) para mirar para as chimeneas das casas que se albiscaban desde a praia. Como case sempre só saia fume da chimenea da casa de Puskas:
- En fin visiños, teño que marchar que na miña casa- decía case avergoñado- comemos un pouco antes que vos hoxe- agachando a cabeza, como pedindo perdón.
- Sí, decía outro, nos comeremos un pouquiño máis tarde así que seghiremos xoghando un chisquiño máis.
- Sí, é unha pena que te vaias, qúe Maradonas perdeu este pais por culpa do fume!
Votaron todos a rir, porque a fame ademáis de piollos naquel tempo daba tamén unha nobreza e unha alegría na xente, que neste mundo egoísta de fartura endexamáis teremos, que non volte o tempo da fame pero coidado co tempo do fume, que se pode vir contra nos...demasiado fume pode cegarnos.

martes, 14 de abril de 2009

ULA LÚA?


ULA LÚA?

Pouco tempo antes de acontecer o que de seguida vos vou relatar, recordo que un día entrei nunha academia de informática para ver a un amigo e á entrada de mesma tiña expostos uns traballos que sobre a lúa fixeran os cativos de 7 a 12 anos, e entre eles deixoume abraiado o dunha cativa de oito anos que ademais de ter un debuxo da lúa tiña a carón dela unha poesía que dicía así:

A lúa
non e túa,
que é de todos
e garda os soños…
e garda os soños…

Impresionante, mais dias despois de ver o traballo aquel, a lúa desapareceu, esvaeceu do ceo como o derradeiro suspiro dun afogado no mar. - Alguén necesita dela – dixo un ancián ó que todo o mundo apreciaba polo súa sabedoría, e continuou: - Sómente pasara antes unha vez xa hai moito tempo, conta unha lenda que cando algunha persoa cree de verdade que é necesaria na súa vida, a lúa encóllese e deixase levar ao lugar onde cumprir a súa misión.

“Vaia parvada” Escoitouse por alí, pero o vello sinalou unha áurea no ceo que indicaba que se roubara por aquela rexión, momento no cal decidiron organizar batidas para descubrir quen fixera tal atropelo, quen fora tan egoísta de querer posuír para el só o branco e iluminado farol nocturno.

Aínda que a poboación vivía toda xunta nunha pequena concentración de casas ó arredor da igrexa, o certo é que o pobo era moi grande en extensión, polo que se separaron en grupos de dous para comezar a búsqueda.

Por un lado ían Xoán e Manoel, dous amigos que eran envexados pola súa amizade, que semellaba que nada no mundo a podería rachar, era case un matrimonio, pero mellor. Dividiron o pobo en tres cuadrantes, e os dous amigos iniciaron a búsqueda no cuadrante noroeste; non crían moito na historia da lúa pero era a parte onde había máis bares, e iso para eles era un aliciente como outro calquera. Percorreron todos e cada un dos recunchos (dos bares digo), e aínda así fixeron unha labor moi boa mesturando alcohol, risas e investigación a partes iguais, pero sen resultado positivo.

Noutra seira e cubrindo a zona nororiental estaban o pequeno Breixo e mailo seu avó. Breixo ranqueaba da perna esquerda, consecuencia dun episodio froito da mala sorte cando se lle escorregou ao seu avó das mans case recén nacido, batendo contra o chan e provocándolle a irreversible lesión, nunca o soubo superar. Breixiño era un rapaz moi cariñoso co seu avó, sempre sorríndolle e inzándoo a bicos namentres non entendía porqué o vello as veces rachaba a chorar ollando cara a el.

Polo sur-este, se achaban Carmen e Xosé. Ó comezo do seu matrimonio era a idealización do mesmo que todo o mundo anceiaba, a ledicia era unha fermosa monotonía na que vivían refuxiados o un no outro, ate que un día decidiron ampliar ese círculo cun pequeno. Tentárono durante meses sen ningún resultado polo que decidiron ir facer probas médicas para tratar de saber a causa. Ela estaba obsesionada ca idea de ser nai; os nervios non a deixaban ir recoller as probas polo que mandou ó seu home a por elas. El chegou cos informes médicos:
- Que tal meu amor?
- Malas novas_dubidou_ non imos poder ter fillos.
- Por que?- preguntou ela chorando.
- A culpa -dixo tremendo e ca vista baixa- o problema téñoo eu que son impotente.

A partires daquel día, ela xa non o miraba igual. comezaron as discusión, sempre por parte dela, os insultos baseados na falta de hombría, etc. sempre froito da obsesión por ser nai. Con esas premisas foron buscando a lúa, paseando cas discusións de sempre acompañado dos insultos oportunos pola zona sur-leste do pobo.

Na outra parte do pobo non era necesario buscar, xa que era unha chaira sen apenas vexetación que se albiscaba desde tódolos puntos do pobo, nembargantes o vello sabio foi paseniñamente peiteala.

O rematar cadansúa zona, quedaran todos na praza do concello para intercambiar as pesquisas que cada grupo acadara. Chegou a hora da xuntanza e chegaran todos menos Breixo e o avó, mais como tardaban tanto non agardaron por eles.

Xoán e Manuel expuxeron cunha exemplar claridade etílica o seguinte: “revisada toda a parcela, a nos adxudicada e, tomando varias mostras nos diferentes bares, quería dicir….lugares, chegamos á conclusión de que a lúa non se acha nestes dominios”.

Logo, tanto o vello como o matrimonio explicaron que nos seus repartos territoriais tampouco acharon á lúa, e como queira que Breixiño e e seu avó non daban chegado deron por rematada a búsqueda.

Carme acendeu o coche para marchar para a casa e diante de todo a praza dirixiuse ó seu marido: -Sobes Xosé? Ou tamén te sentes impotente para vir comigo no coche- todo o pobo fitou para Xosé con cara de pena. Xosé agachou a cabeza e marchou andando coa vergoña e a desesperación do que da todo e non consegue nada. Empezou a andar cara o monte das almas, onde erguido na parte máis outa do mesmo reinaba poderoso o piñeiro dos salaios que era a árbore na que se aforcaban os que coidaban que rexeitando o corpo as penas marchaban con el, sen saber que os sentimentos só se apuntalan no espírito e non desaparecen nunca, senón que pasan a ser a carga que arrastra a Santa Compaña no seu decorrer. Asemade Xosé preparaba a súa fatídica forca, María entrando co coche no garaxe, atopouse cunha estraña luz que saía dun queixón de ferramentas do seu marido e cando foi mirar de onde proviña, abriuno e saíu dela a lúa que iluminaba uns papeis. Ela comezou a lee-los; eran as probas de fertilidade que tanto el como ela fixeran…as probas dicían que debido a unha meninxite que de pequena tivo María imposibilitábaa a ela para poder quedar embarazada. De repente caeu na conta de todo o que fixera sufrir a Xosé, do cruel que desde entón fora con el, e de que por mor do todo o cariño que el lle tiña e a sabendas das arelas que tiña de ser nai, nunca foi capaz de dicirlle que ela mesma era a culpable de non poder ter fillos, polo que saíu a buscalo para pedirlle perdón e devolverlle tódolos bicos, todo o cariño que desde entón non lle daba…atopouno no monte das almas, pendurado cunha corda ó pescozo do árbore dos salaios xa para sempre morto. A lúa volveu brillar no ceo.

Derrubouse, tirouse ó chan, e preparou outra corda para ela, mais cando se ía a colgar sentiu o choro dun neno e unha man que agarraba a súa; era
Breixiño: - Axúdame por favor, o meu avó caeu por un barranco e non o atopo- Nese mesmo intre a lúa volveu a esvaecer… pero esa xa é outra historia.

A lúa
non e túa,
que é de todos
e garda os soños…
e garda os soños…

miércoles, 1 de abril de 2009

ONTE MORRÍN I (tricontoloxía)


ONTE MORRÍN
(Tricontoloxía)


I

“Onte morrín. ¡Boh! Eu coidaba que era outra cousa, si home, había xente chorando e laiándose, sobre todo unha muller que eu sempre lembraba cun espírito xuvenil e o máis fermoso dos sorrisos, a pesares de que os anos trataban de minar os seus máis íntimos desexos alugados ó noso porvir, miña naiciña, unha bendita. Mais polo resto a verdade é que me desilusionou isto de morrer, agardaba outra cousa, que sei eu, un túnel ao final, unha lumieira que me guiara por un camiño oculto entre as tebras, alguén agardándome para levarme a algures (dependendo de como me portara en vida), nese aspecto coido que gañei non atopando a ninguén dedicado a estes labores; ou converterme como na película nun corvo segundo fosen as circunstancias da miña morte. Pero que va, nada diso, aínda que case mellor así, tampouco me atopo tan mal, de feito, eu sempre padecín dos pulmóns por mor dun (como dicía meu avó) – ghripe mal curado – e nembargantes neste estado non teño a sensación de afogamento que sempre sufría...pensándoo ben, se o sei ... ¡morro antes, que carallo!”
“Tamén tiña a idea de que se morrías ía vir a túa familia defunta a buscarte, mais tampouco, se ben, a verdade é que a algún si gorentaría de velo, a outros – ¡bueno coño! – aínda que non os voltara ver, tampouco se perdía nada. O peor de todo isto é a intriga, o non saber, a ignorancia do que poida acontecer a partires de agora. Digo eu, estou morto, vale, moi ben, son consciente diso e estou disposto a apeitugar con esta situación, mais aquí estou, sen saber que facer nin que vai pasar ; esto lémbrame unha vez que quería coller o autobús e pregunteille a unha mociña- mira jopiña,¿a que hora sae o autobús para Lestrove? ¡ Quén me dera agora unha jopiña ou cativiña que me indicara a que hora ou onde se colle o “defuntobús”, ou simplemente que me ensinara o protocolo a seguir para pasar de vivo a morto”.

“Reflexións á parte, o certo é que non lembro como cheguei a morrer, de que morrín, polo que trato de pescudar entre os presentes no meu velorio. Hai unha señoriña que di algo así como – non ves muller? morreu no mellor de vivir – e sen querer boto a rir; faime gracia porque esta é unha expresión que me soa repetida, é que a verdade, en Galiza un defunto que se precie só pode morrer de dúas maneiras, ou ¡no mellor de vivir! ou ¡para sufrir así, foi mellor que o levara “nuestro señor”! Eu estou no primeiro grupo, ha ha ha. Por riba, parece ser, segundo escoitaba alí, que era certo, que me tocaran uns bos cartiños nunha lotería, que ía casar cunha mociña ben bonita, ben boa e de mellor familia, herdando unha inmensa e preciosa casa de pedra cun xardín , como dirían os de Aghiño (localidade do Barbanza), que non se lle calculan os ferrados que abarcaba dun meu tío que levaba toda a vida en Nova Iorque, e que eu nunca coñecín, quizais agora. Xa hai que ser parvo para morrer así. (Boh, se o sei non morro).

ONTE MORRÍN III (tricontoloxía)


ONTE MORRÍN III
(tricontoloxía)


“Onte morrín. E agora que? Devecía por saber que sentían os humans ao pasar ao alén mundo. Nin polo maxín se me pasou caer eu mesmo na miña trampa, autonicándome, languidecendo pouco a pouco, atrapado nas miñas infalibles gadoupas. Miro ao meu arredor e vexo á xente felizmente alporizada, saltando, revirados de alegría, berrando ao unísono:- morreu a morte, matamos á morte, xa ninguén máis voltará morrer-“.

“A morte feita cadáver. Trato de razoar que significa todo isto, cales poden ser as consecuencias da miña morte. Nun principio semella algo bo para o ser humano. Xa ninguén morre. Agora que parecía que o descenso da natalidade podería supor un problema no planeta terra, de súpeto achamos unha solución...¡non saben que fixeron estes humanos!.”

“Imaxinemos unha persoa duns cen anos, cos achaque típicos da súa idade: reuma, perda paulatina dos sentidos e das capacidades motrices, dores, enrugamento da pel con chagas, etc..máis ou menos sería un caso normal dos que chegan a esa idade, agora voltemos imaxinar ese corpo con mil anos, con dous mil anos... porque a morte non ten nada que ver coas limitacións e a finitude do corpo humano”.

“Xa non me vou meter nas consecuencias socio-económicas que serían verdadeiramente destructivas (paro, ¿a qué anos sería a xubilación?, acugulamento da poboación e do planeta en xeral, propagación de pragas e enfermidades víricas xa que se os homes non morren os animais tampouco, fame, ateigamento de peixes no mar ate non quedar mar, o ar inzado de aves ate non quedar un anaco de ar, en fin un planeta envolto de corpos podrecendo, un planeta morto en vida”.

“Eu non era o malo, o meu traballo nun principio consistía en separar os corpos das almas cando os primeiros xa non daban máis de si mesmos. Eu tiña un labor case de caridade, de liberación, era unha peza indispensable para poder manter a vida no planeta tal como estaba concebida. Os malos eran eles mesmos, os humanos, os mesmos que me mataron a min. Eles son os que violaban e mataban meniños, eles asasinaban e maltrataban mulleres, acababan cas poboacións so con afán de lucro, eles escravizaron corpos e mentes da xente mental, social e economicamente febles ate levalos ao suicidio, eles exterminaron comunidades enteiras experimentando con armas químicas, eles, en fin, foron e seguen sendo fontes de corrupcións, maltratos e vexacións de todo tipo, acabando con especies enteiras de animais, eles foron os que trocaron a miña amable e fermosa imaxe por unha tenebrosa figura esquelética cunha gadaña para dirixir a súa culpa cara a min. Eu fun creado para acoller aos de (como din na comunidade de humans da Nazón de Breogán) :-para sufrir así foi mellor que os levara “Nuestro Señor”- pero por culpa deles rematei traballando mil veces máis cos de:- non ves muller, morreu no mellor de vivir-. Malditos humanos”.

“ E agora atópome aquí vagando en terra de ninguén, mataron á morte e agora non hai quen me leve, só me queda vivir na morte, mirando como van morrendo os homes en vida...¡Que fixestes insensatos!

ONTE MORRÍN II (tricontoloxía)



ONTE MORRÍN II

(tricontoloxía)

“Onte morrín. Unha víctima máis da violencia doméstica, é mellor morrer que seguir aturando este suplicio, prefería que morrera el, pero os paos sempre creban pola parte máis feble e neste caso era eu. Debería odialo, mais a xenreira non atopa camiño cando a impotencia o inunda todo. ¡Ai, meus filliños, estou fitando cara eles, os dous ingresados na U.V.I., qué culpa tiñan os coitadiños, non che chegaba comigo fillo de puta! Ai, meu Deus, déixaos vivir, lévame a min aínda que sexa mil veces pero déixaos a eles que vivan, que teñan a posibilidade de acadar permanentemente a felicidade que eu non disfrutei nin por momentos.”

“¿Quen anda aí? Aparece ante min unha figura humana, semella un home, cunha cara fermosísima e a mirada máis doce, o sorriso máis cativador que endexamais ollara, o cal, dirixíndose a min cunha confortable voz díxome: non teña medo, son a morte”

“Nun primeiro intre tiven unha sensación de hostilidade e incredulidade ao mesmo tempo, pero curiosamente nunca de medo. Era demasiado feitiña e agradable a morte anque como ela mesma dicía non tiña un oficio demasiado popular entre a xente. Eu adoitaba pensar na morte como alguén horrendo, unha caveira cunha carapucha negra, mirada sanguiñolenta e afiada gadaña, en fin, unha mala besta, pero todo o contrario, comezei a contarlle a miña vida e namentres lla ía relatando trataba de consolarme, de confortarme, minimizando e ate case ridiculizando o mesmo estado de defunción. Xa non tiña medo a morrer, semellaba tan natural na serenidade das súas verbas que non cabía sentimento negativo de ningún tipo nese trance”.

“De súpeto, a morte desviou a súa mirada cara á U.V.I. por un intre, voltando a súa cabeza ao sitio pero agochada. Detrás de nos albisco dúas pequenas figuras achegándose. Ao ir alzando a súa bonitísima face agora inzada de bágoas, sinalándome para a U.V.I., díxome:- ás veces non é doado ser a morte- Volto mirar cara ás pequenas figuras e a miña serenidade derrúbase: - meus filliños, fillo de puta...”

jueves, 26 de marzo de 2009

CROQUE (FRORES ENSANGUENTADAS DE SAN XOAN)



Croque de paixón, croque de estalida beleza, croque de morte.
(Croque: inicio-adorno-final)

(INICIO) Noite de San Xoán; xuntabamos madeira e amizade a partes igüais para acadar que a nosa fogueira competira en tempo e orgullo coas das nosos conveciños.

Non a coñecía, era parte activa da cadea humana que para o traslado de leña formaramos. Estaba a carón de min mais non lle prestaba atención ate que no mesmo intre en que me ía pasar unha pola de abidueiro enfeiticeime cos seus ollos e levei o máis forte e á vez menos dooroso dos croques que a susodita pola me puidera dar, fancendo que no lugar de gacear mil laidos, sospirara salaios de vertente amorosa.

(ADORNO) Somente motivados polo instinto e nese mesmo intre abandonamos a cadea e paseniñamente fomos camiñando como monicegos sen radar, recricando cas frores malvas de croque, previamente estaladas como manda a tradición (as frores de San Xoán estalan na mán), a sua xa de por si adornada cintura.

(FINAL) Saltando de rocha en rocha esvaramos os dous...ela abreu a cabeza e pechou para sempre os ollos; marchou como veu, silandeiramente, sen apenas coñecela; a min saiume un croque na cabeza, que pasou en dous días e outro no corazón que todavía non pasou. Xa as frores de San Xoán non me estalan somentes na man...

AINDA NON CHEGOU A HORA


AINDA NON CHEGOU A HORA

Era a muller máis escrava que xamáis vira, era miña tía, traballou arreo toda a vida para que nin a min nin a miña coitadiña nai nos faltase de nada. De nada nese tempo considerado o tempo da fame, era simplemente ter algo de comer case todolos días e ter algo que calzar e roupa non demasiado raida para por no inverno. Para acadar todo eso sacaba o gando a pastar cando ainda non cantara o galo, ía traballar a tódalas leiras cantas podía, o rematar ía as piñas e á leña para os señoritos e ainda atopaba tempo para coser na casa do cura, todo esto sin descoidar a casa nen a sua familia. Era todo xenio, cunha forteza física inagotable, nunca estaba queda, non lembro que se acostase antes das duas da mañá nin que se erguera despóis das cinco.Era escrava dos escravos da Galiza profunda, terra de nenos-home e de vellos de apenas corenta anos eivados e deformados por mor do traballo e as angurias que pasaban, facendo frores dos toxos que a vida lles ofertaba. E agora languidecía nunha cama de palla, morría a pesares dos nosos coidados. Polo que decidimos falar co cura a ver que podiamos facer. O señor cura tiña tempo para bautizar ó fillo do señorito máis non para darlle a extremaunción á miña tía, díxo que abondaba con que pouco antes de morrer lle botáramos unhas pingas de Auga Bendita debaixo da cama.Cheguei ao seu cuarto; case non alentaba, tiña os ollos pechados e un esblancuxado semblante que agoiraba o peor, que semellaba chamar a gritos á morte polo que decidín botarlle as pingas de auga debaixo da cama, máis cando ó ía a facer, sin abrir os ollos nin mover un só músculo do seu corpo díxome. “Estate queda Pepa, ainda non chegou a hora, xa che aviso eu”. Marchei asustada, non podía entender como sabía o que ía facer. Pasou o día, e a maña seguinte, cando lle ía limpar a habitación díxome: “Agora Pepa, agora chegoume a hora”; deseguida fun collela auga e botarlla por debaixo da cama- “grazas Pepa”- xa nunca máis voltou a falar.

lunes, 9 de marzo de 2009

PENUMBRA




PENUMBRA


...esa maldita luz outra vez..

Desperto no medio da noite, aterecido de frío, ruidoso silencio espido de razóns, e outra vez esa maldita luz esnaquizándome o sono, invadindo xudíamente o meu palestino estado onírico; sempre a mercede dela, desa bombilla... que alguén a apague, a oculte, a afogue....

Ao non poder dormir, levantome na penumbra da noite na miña xélida habitación e érgome agonizante, movéndome dun a outro lado sen máis sentido que o meu proprio instinto.


De repente sinto unhas dores que me derrotan, fanme encoller e agazapado nunha esquina da habitación escomenzo a tremer, entre pálpitos e convulsións, cecais tamén mercede á febre, creo divisar unha figura enfrente a min. Trato de acercarme a ela e a figura se achega a min..

“...non, non,...socorro, .. non pode ser, deus me axude, como pode ser, ¿que pasa hoxe?, ¿que é isto?...”

Hai un lobo na miña habitación, non pode ser, ten que ser a febre, delirios de vertente lobisome, o máis grande, terrible e fero que endexamáis vira ou imaxinara, cos ollos ensanguentados; si o demo existe debe ter a misma mirada, os mismos xeitos; achégome a el e el lonxe de afastarse acercase ao mesmo tempo ca min.

Xa case pegado a fera, instintivamente trato de afastalo golpeándolle con todalas miñas forzas...oese un ruido de cristais e o lobo e esvarécese, desaparece da miña vista, mais sinto que ainda segue aquí.

Desesperado, pecho os ollos e trato de esquencer todo o que está sucedendo, como si non mirando o problema desaparecera; aférrome a almofada da cama como Estados Unidos á liberdade petrolífera do pobo iraquí e alonxándome mentalmente dese maldito lugar, dese maldito animal e desa maldita luz consego dormirme...

Oito e media da mañán, o furioso son do despertador consegue interrumpir o meu pesadelo. Abro os ollos, xa é de día. As sábanas da cama están rasgadas, a fiestra aberta, o espello da porta do armario roto en anaquiños esparcidos polo chan e esa maldita luz blanca transformada no amarelo farol do sol, maldita lúa chea...

P.D.: Os comezos dun xoven lobisome.




A XOIA MÁIS BONITA

A XOIA MÁIS BONITA

Ela estaba cansa, un día esgotador no traballo. Non veía a hora de que chegara aquel home, como diría ela, posiblemente o mellor home do mundo. E chegou, vaia si chegou. Veu silandeiramente, sen apenas facer ruido, con aquel soriso terapéutico que xa de por sí, fai sentir mellor a quen o recibe. Ela subeu ao seu coche , e como o tempo non lle sobraba (cecais nunca lle chegaba cando se trataba de estar con el) aparcaron alí cerca, nunha pequena subida arroupada de árbores, piñeiros e castiñeiros sobor de todo, moi perto da praia, que entre os solpores da hora, o calor do verán e as sombras das árbores, facía que se respirara un extraño pero relaxante ambiente que invitaba ó descanso.

Con estas premisas ela pausaniñamente deslizou a sua cabeza ate as pernas del pechando os ollos mais sen quedar a dormir. Entonces pideulle que lle leera algo namentras ela aliviaba as tensións do traballo aloumiñada sobre o seu regazo.-“non podo meu amor, non teño nada que che poida ler aquí no coche, nembargantes vouche contar unha historia desas con final casi feliz”.

Nese mesmo intre escomenzou a historia o mesmo tempo que acariñaba o seu pelo, maxaseándoo agarimosamente, como a ela máis lle gorentaba…”esta é a historia dun home deses que a vida lle sorrira, tiña todo o que se pode mercar..case todo. A sua obsesión era atopar a xoia máis bonita do mundo. Entonces aconsellado por un experto viaxou ó Amazonas donde decían que había unha parte casi virxen pola inaccesibilidade do seu discurrir onde descansaban as pepitas de ouro máis brilantes e máis grandes que xamáis se atoparan ate entonces. Para poder facelo tivo que vender unha parte importante das suas posesións; organizou un grupo de espeleólogos e foi a buscar a sua xoia…a vida seguía sorrindolle, en pouco tempo atopou a pepita de ouro máis impresionante tanto polo seu tamaño como polo fermosa que ninguén achara antes e levouna para o seu pazo.

O chegar ó seu fogar era o home máis feliz da terra; pasaba o día mirando para ela, ate que chegou as suas mans un libro no que se aseguraba que no corazón de África existía unha mina oculta na que descansaban os diamantes máis grandes e puros do mundo. Xa a felicidade se perdera da sua face, xa a sua pepita de ouro non era a xoia máis bonita do mundo. Así que escomenzou a formar unha batida de homes para viaxar o continente negro. O chegar alí, todo parecía virlle en contra: as altas temperaturas, a falla dunhas coordenadas craras para atopar a susodita mina e o esgotamento ían minando a su moral xunto cos seu recursos; por riba cando xa se daban por vencidos levantouse unha tormenta de area que lles impedía recoller o campamento e marchar, así que se agocharon nas tendas de campaña ó abrigo dunha duna. Por fin dous días despóis rematou a tormenta. O sair descobriron que a tormenta desprazara a mesma duna que escolleran para resgardarse… a vida voltáballe a sorrir, xa que nese desprazamento a tormenta deixou o descuberto a entrada da ate entonces mística mina que endexamáis ninguén atopara. Entraron en ela e poideron comprobar que todo o que se expricaba no libro era totalmente certo, ate o ponto de encontrar que na entrada, xusto ós seus pes, descansaba a modo de carta de presentación o diamante máis grande e puro do mundo.

Xa de volta no pazo, volvía a albergarse en el o color da felicidade máis absoluta, xa tiña de novo e esta vez de verdade a xoia máis bonita do mundo, ou eso pensaba el…un mes máis tarde recibeu na sua casa a visita dun amigo que viña de vacacións de Inglaterra onde fora a ver o museo de Exiptoloxía e ensinoulle un folleto dos que alí recollera no que se falaba dun arco do que había constancia que se fixera pero que ate a fecha non se atopara. Era una arco dun valor incalculable, a lenda decía que estaba feito dun mineral extraterrestre, ribeteado de rubies e con motivo florais con base en ouro e realzado con ópalos e diamantes, posiblemente- remataba así o folleto-, “a xoia máis bonita do mundo”. Xa o diamante non enchía o seu ego, xa non era o que cobizaba, así que vendeu tódalas suas pertenzas (incluida a pepita de ouro e o diamante), e reuneu un grupo humano formado polos maiores expertos en exiptoloxía máis unha numerosísima cuadrilla de apoio xunto cos medios máis caros e sofisticados que nese momento había para desenterrar o preciado arco que se suponía que descansaba nun túnel secreto que percorría o camiño existente entre as pirámides de Keops e Kefrén. Dous meses de traballo levaban xa escavando túneles, pero non pararecía o arco. O orzamento previsto ía rematando e seguía sen aparecer, incluso algúns homes continuaron a búsqueda ainda sabendo que o xefe xa non lle podía pagar…pasaron os días ata que todo rematou, xa non quedaba nadie agás el mesmo. Namentras paseaba desesperado e xa sen ningún tipo de esperanza entre Keops e Kefrén a terra abreuse ós seus pes debido a cantidade de túneles que xa fixeran e caeu ó interior dunha cova que non fixeran eles; entrou nela e outra vez a vida volvíalle a sorrir, xa que alí, no fondo dese túnel, descansaba o maravilloso arco que tanto debería por atopar. Empezou a correr cara a él e abrazouno como quen se acolle a un derradeiro alento de salvación, acariñábao como unha nai a un fillo que languidece…estaba idolatrando a sua xoia cando un novo corremento de terra deixouno encerrado.
Morreu esfameado, lixento, aterecido de frío, sedento, huraño, só pero feliz, xa tiña a xoia máis bonita do mundo, ou eso creía el, xa que faleceu sen saber que a xoia máis bonita- e dándolle un bico a sua muller rematou a historia decindo- en realidade descansaba no meu regazo…quéroche miña xoia.

jueves, 5 de marzo de 2009

Cun amplo SORRISO

CUN AMPLO SORISO
“Chorei un océano de bágoas por ti, non secarei ningún deserto cos anacos deste sentimento para facerche feliz; ninguén vale tanto”. Xa pasaron oito anos e esas verbas seguen rebotando no meu maxín como os camaróns presos contra as redes dunha nasa. Era a primeira vez que eu deixaba a alguén. As miñas relacións sempre eran rachadas de maneira unilateral por parte das miñas parellas. Pero esta vez era distinto, necesitaba o meu espazo vital, a miña parcela de liberdade. Recordo a primeira vez que a vin; chegou cun amplo soriso deses que non necesitan do cambio climático para adiantar o comezo da primaveira en decembro. Viña ademáis acompañada dun ramo de frores, coidaba que eso so eran regalos para mulleres, pero cain na conta de que non é un presente para mulleres senon que somentes elas son o suficientemente intelixentes para darlle o valor que realmente teñen.
Despois de deixala, estivo loitando con todalas suas forzas para recuperar a nosa a relación ate que non pudo máis e cuspiu case sen forzas esas verbas que non esquenzo.
Nenbargantes, coido que agora eu son eu o que necesito atopala para ceibar a miña liberdade que debece por verme con ela. Outra vez como desde hai oito anos voltou a deixar un ramo de frores ao pé do meu nicho e marchou, cun amplo soriso deses que…

INOCENCIA


INOCENCIA
“Elvis Presley naseu en Ghalisia...”
Era un día estrano de calor, cunha escura cor no ceo que amenazaba tormenta; un deses días nos que as nubes semellan querer por lindes ao espazo aéreo, de feito caían sobor da dársena de Bueu pingas de choiva que apenas se sentían ainda que aos pouquiños nos ía calando a todos.

Algo acontecía naquela dársena. Un grupo de cativos ollaban sinalando cara ela cunha mistura de tensión, asombro e curiosidade.

De pronto chegou un dos da banda ca cara deformada como por un golpe e a roupa sanguinolenta con novas que segundo el mesmo escoitara no telediario, falando con acento das Rias Baixas, un castelán galeguizado a forza de introducirlle gheadas e seseos.
- ¿Escoitastedes as notisiiiiiiias? Eeeelvis Presley naseu en Ghalisiiiiiiiiia.-dixo cantando, como si fose de Marín.
Ninguén lle fixo caso, estaban todos absortos co suceso da dársena, nin tan siquera fitaron cara el, agás unha extraña persoaxe que o rapaz nunca vira.
- Eso que dis e mentira, Elvis Presley naceu en Tupelo, no estado de Mississippi.
- Que sí- insisteu- que o dixeron no telediario...polo visto naseu en Palmeira eeee..e era pequeño-improvisou.
- Elvis era máis ben alto.- replicoulle sorrindo.
-Boh, paresía alto porque porque...-volvía a improvisar-...porque os americanos son pequenos ou, ou ou...ou cresería polo cambio de aires; hai moita xenté que lle afecta moito como ....como a Elvis Presley. A extraña figura escachou a rir.
Continuaron mirando cara a dársena donde tres pequenos barcos pesqueiros”dos que andan á sardina”, según comentaba un dos rapaces cunha pose de autoridade en cuestións náuticas, tentaban sacar algo do mar; algo que desde a lonxanía semellaba un tronco dunha árbore, ou un peixe grande, ou...o de sempre, maldita sexa, outro pescador afogado que pasa a engrosar a longa lista do cemeterio náutico de Galicia. Poderíamos facer nesta nosa nación un salón náutico-necropesqueiro con tódolas crases de afogamentos: por descoido, por celos, por confianza, por carraxe, por fame, por decisión propria...cecais estes dous últimos sexan os máis terribles e só por iso serían os stands máis visitados da nosa necroexposición; así funciona o ser humano, supostamente o máis racional dos animáis co máis animal dos raciocinios.

O afogado xa estaba sobre o peirao metido nun dos sacos que as autoridades correspondentes teñen preparados para estes tristes casos. O rapaz e a estraña figura acercáronse ate o lugar donde se achaba o cadáver. O cativo asombrouse ó ver á sua nai chorando diante da bolsa do afogado, mais perto del había unha antiga cassette rota e desfiañada de Elvis Presley que chamou a sua atención. Namentras o a extrana figura acercouse a nai do rapaz e escoitou a unha señora que decía:”coitadiña, onte morreu o seu fillo Akeliño nun accidente e hoxe o seu marido afogado”.
O rapaz fitou para a cassette de Elvis Presley, para a nai e para a bolsa do cadáver e pensou para el mesmo “mi madriña, non sei si Elvis Presley naseu en Palmeira pero mira por donde, veu morrer a Bueu, e preghuntome eu, desde cando a miña nai é fan de Elvis”.
Elvis Presley colleu o rapaz pola man e díxolle:”vente Akeliño, imos a buscar ó teu pai”.
Akeliño, co máis terrible das inocencias contestoulle:”ooooh, meu pai vai a tardar en chegar que saiu a pescar”


Elvis Presley fitou cara él e votoulle un soriso de compasión con bágoas nos ollos...coido que é a primeira vez que vin chorar a un espírito.

domingo, 22 de febrero de 2009

ESTE CONTO NON TEN FINAL

ESTE CONTO NON TEN FINAL

En Galiza hai un home que ten máis de mil anos…

Sentado nunha cadeira de madeira con repousabrazos que sen ningún tipo de finalidade estética puxeran enfronte da mesiña-escritorio da miña habitación e ollando desde a miña fiestra como a medida que subía a marea desatábase de novo unha terrible tormenta das que os vellos chamaban “das de antes”, trataba de encontrar un fío condutor para un novo relato que trataba de comezar:”Non sei que daría porque a miña Virxenciña da Renda particular me inspirara como só ela foi capaz de facer outras veces”. E nisto estaba Ghopiño, cando sentiu unha estraña presenza achegándose por detrás…era a morte:

GHOPIÑO: Quen anda aí?.
MORTE: Son a morte.
G: E que se che perdeu por aquí- dixo con certo anoxo.
M: Veño buscarte.
G: E ti coidas que estas son horas de andar a molestar a xente?
M: Homeeee- dubidou- eu é o que me mandaron.
G: E porque sabes que son eu e non te erras de persoa, acaso coñecíasme de antes?
M: Home non, pero polos sinais que me deron…..
G: Que che dixeron, que viñeras a buscar a un pequeno ghordiño de Palmer City, como dirían os americanos?
M: Non exactamente pero por aí van os tiros.
G: Moi ben, agora imaxina que aquí vive unha persoa desas características e que eu estou de okupa, segues estando seguro de que son eu a quen tes que levar.
M: Estás aquí de ocupa?
G: Si, agora que?
M: Pois non sei, eu…
G: Que va homiño, son o único que vive aquí, pero imaxina que fose ao contrario, xa me levabas ó alén mundo so por ser pequeno e ghordiño- votou a rir. –Que pouca seriedade carallo!
M: A ver, Ghopiño, non mo poñas máis difícil.
G: Ah moi ben, si para ti é difícil xa me contarás para min, que son o que vai morrer (ha,ha, ha).

Ghopiño outeou de arriba a abaixo a figura da morte e cunha mestura de tranquilidade e sorna continuo dialogando con ela:

G: Mira, a min a verdade e que tampouco me importa morrer, ao fin e ao cabo vouno ter que facer polo menos unha vez, así que nese aspecto o mellor era facelo canto antes e xa continuar tranquilamente vivindo, sen máis sobresaltos deste tipo, non?.
M: Pero…, é que se morres suponse que é para sempre.
G: Quen che dixo iso a ti?. – dixo sorrindo.
M: Home, eu é o que teño entendido.
Ghopiño botou as mans á cabeza cunha clara pose de “non o pode crer”.
G: Ai meu deus, pero que desastriño me es, e ti dedícaste a isto da morte, xa collen a calquera por alí arriba. Ti de verdade eres a morte o mándaronche dunha E.T.T. porque a titular está de baixa?. Agora en serio, nunca oíches falar da reencarnación?
M: Home, algo escoitei- quedou pensativa- e se así fose en que ou en quen che gorentaría reencarnarte.
G: Non o teño claro, o que si trataría é que non fose pequeno e ghordiño que non sei a conto de que nos tendes manía (rieu).

A morte comezaba a pasar dunha fase de estupefacción a unha etapa de nerviosismo e empezou a dar voltas a habitación, namentres Ghopiño continuaba coa súa trenla:

G: Mira que che digho, e logho hai necesidade de andar con esa gadaña tan chea de ferruxe. Ti non te das conta de que podes tocarme con ela sen querer e podo coller unha infección, e iso queiras que non, é moi incómodo e ademais fai un cadáver moi feo, e non quererás que a miña nai me teña que ver por derradeira vez todo cheo de gangrena e chagas.
M: Ate o de agora ninguén se me queixou.
G: Dáme a sensación de que tampouco das demasiado tempo para as queixas (sorriu). Ti chegas e como di un amigho meu “nun vira vira” fas o teu traballo e listo.
M: Non vexo porque hai que botar máis tempo.
G: Non sexas ruín, cando vas morrer, uns minutos arriba ou abaixo a ti ighual non che supón nada pero ao que morre, poida que si.
M: Nunca o vira desa maneira, desculpa, tratarei de ser máis considerada.
G: De tódalas maneiras, ao que íamos. Ou sácaslle o ferruxe a ghadaña ou vai buscando outro pequeno ao que levar.
M: Pero..
G: Nada, nada, sen peros, se queres que me vaia contigho vai limpando a ferramenta.

A Morte comezou a soprar cunha mestura de nerviosismo, desesperanza e enfado ao mesmo tempo, mais fixo o que Ghopiño lle dixera como a última petición do moribundo e sobre todo para non andar con máis voltas:

M: A ver homiño, compráceche a ferramenta tal como cha traio, ou aínda non?
G: Moito mellor, ves como non custa nada facer as cousas ben, ademais eu non sei como che deixan traballar así, alí arriba nunca oíron falar do Plan de Riscos Laborais, non se pode traballar con esas artes en tan mal estado. Ademais, mira que pinta levas.
M: Por que dis iso? eu son a morte.
G: Pero ti viches que roupa levas.
M: Que lle pasa a miña roupa?.
G: Que lle pasa a miña roupa, que lle pasa a miña roupa, pero ti mirácheste ao espello hoxe?, de que contedor sacastes esa roupa, eses farrapos sen pranchar, sucios e por riba neghros, que pasa, estás de loito, morreuche alghén? – outra vez votou a rir.
M: Non sei, levo toda a vida así.
G: Pois xa é hora de que te vaias cambiar, eu así non vou contigho a ningún lado. Ti non ves os que traballan nos tanatorios, sempre perfectamente peiteados e vestidos cun traxe, da ghusto ir con eles a calquer lado, pero contigho…; veña vaite cambiar, pon algho máis aleghre ou polo menos máis eleghante; tes que pensar que para a persoa que vas levar, é un dos días máis importantes da súa vida, ou debería dicir da súa morte, hahahaha.

Nunca tal lle sucedera, a Morte non daba creto do que oía, pero foise cambiar. Rebuscou roupa nos tendedeiras ate que rematou por escoller unha camisiña branca, unha saia vermella e negra con faldriqueira e refaixo, unhas medias de liño, e un xustillo con mantelo de gala adornado con pedrería verde, pasou de andar con aqueles andraxes a ser a máis enxebre das mortes, e desa maneira volveu cara Ghopiño:

M: Xa estou aquí, que che parece, xa podes vir ou aínda non che remato de gorentar?
G: Muller, non é o que agardaba, pero o certo é que non che queda mal, unha morte tan enxebre como despeiteada. Pero mira que peliños, non te peiteaches hoxe.
M: Home, non eu..
G: Eu, eu, eu, ti cres que esas son maneiras de levar a un home. Mira vaite peitear un pouquiño e xa logho ves buscarme.

A morte ao ver a seguridade con que lle falaba, foi para o baño e comezou a recoller aqueles peliños revoltos e a asear aquela faciana descoidada sen ter moi claro o porqué, e tornou para xunto Ghopiño.

M: Xa estou aquí, váleche agora?.

Agora o que quedaba aparvado era Ghopiño, a morte era unha muller, fermosa como ningunha, cuns profundos ollos verdes a xogo coa pedrería do mantelo, cálidos e brillantes como o lume do mesmo inferno. Embruxada a noite coa leixaprén das distintas tonalidades que os lóstregos da tormenta cuspían na habitación a través da fiestra, dou por enfeitizar o momento tanto como aos protagonistas cuxas miradas se atoparon establecendo lazos que Morte non sabía que era quen de sentir por ninguén e que Ghopiño endexamais soñou sequera ter con unha muller e moito menos coa morte. Mais, caprichos do corazón, que teimaron que houbese algo entre eles, acadaron por crear a parella máis fúnebre, estraña e fiel dende King Kong e Fay Wray. Nesta senrazón andaban, cando Ghopiño exclamou:

G: Lévame o resto da miña vida ou da miña morte ou o que sexa que teña que experimentar contigho.

Morte pensou que se o levaba con ela xamais volvería velo, así que acercando a súa meixela á del dixo:

M: Que estás facendo?.
G: Un conto, un pequeno relato.
M: De que vai?
G: Dunha historia de amor entre a Morte e un pequeno ghordiño de Palmeira, pero se temos que marchar..
M: Non hai presa, agardo por ti ata que a remates.

Ghopiño caeu na conta de que se remataba o conto, Morte tería que levalo con ela e perderíanse para sempre…por iso en Galiza hai un home que ten máis de mil anos e un conto sen rematar.