martes, 14 de abril de 2009

ULA LÚA?


ULA LÚA?

Pouco tempo antes de acontecer o que de seguida vos vou relatar, recordo que un día entrei nunha academia de informática para ver a un amigo e á entrada de mesma tiña expostos uns traballos que sobre a lúa fixeran os cativos de 7 a 12 anos, e entre eles deixoume abraiado o dunha cativa de oito anos que ademais de ter un debuxo da lúa tiña a carón dela unha poesía que dicía así:

A lúa
non e túa,
que é de todos
e garda os soños…
e garda os soños…

Impresionante, mais dias despois de ver o traballo aquel, a lúa desapareceu, esvaeceu do ceo como o derradeiro suspiro dun afogado no mar. - Alguén necesita dela – dixo un ancián ó que todo o mundo apreciaba polo súa sabedoría, e continuou: - Sómente pasara antes unha vez xa hai moito tempo, conta unha lenda que cando algunha persoa cree de verdade que é necesaria na súa vida, a lúa encóllese e deixase levar ao lugar onde cumprir a súa misión.

“Vaia parvada” Escoitouse por alí, pero o vello sinalou unha áurea no ceo que indicaba que se roubara por aquela rexión, momento no cal decidiron organizar batidas para descubrir quen fixera tal atropelo, quen fora tan egoísta de querer posuír para el só o branco e iluminado farol nocturno.

Aínda que a poboación vivía toda xunta nunha pequena concentración de casas ó arredor da igrexa, o certo é que o pobo era moi grande en extensión, polo que se separaron en grupos de dous para comezar a búsqueda.

Por un lado ían Xoán e Manoel, dous amigos que eran envexados pola súa amizade, que semellaba que nada no mundo a podería rachar, era case un matrimonio, pero mellor. Dividiron o pobo en tres cuadrantes, e os dous amigos iniciaron a búsqueda no cuadrante noroeste; non crían moito na historia da lúa pero era a parte onde había máis bares, e iso para eles era un aliciente como outro calquera. Percorreron todos e cada un dos recunchos (dos bares digo), e aínda así fixeron unha labor moi boa mesturando alcohol, risas e investigación a partes iguais, pero sen resultado positivo.

Noutra seira e cubrindo a zona nororiental estaban o pequeno Breixo e mailo seu avó. Breixo ranqueaba da perna esquerda, consecuencia dun episodio froito da mala sorte cando se lle escorregou ao seu avó das mans case recén nacido, batendo contra o chan e provocándolle a irreversible lesión, nunca o soubo superar. Breixiño era un rapaz moi cariñoso co seu avó, sempre sorríndolle e inzándoo a bicos namentres non entendía porqué o vello as veces rachaba a chorar ollando cara a el.

Polo sur-este, se achaban Carmen e Xosé. Ó comezo do seu matrimonio era a idealización do mesmo que todo o mundo anceiaba, a ledicia era unha fermosa monotonía na que vivían refuxiados o un no outro, ate que un día decidiron ampliar ese círculo cun pequeno. Tentárono durante meses sen ningún resultado polo que decidiron ir facer probas médicas para tratar de saber a causa. Ela estaba obsesionada ca idea de ser nai; os nervios non a deixaban ir recoller as probas polo que mandou ó seu home a por elas. El chegou cos informes médicos:
- Que tal meu amor?
- Malas novas_dubidou_ non imos poder ter fillos.
- Por que?- preguntou ela chorando.
- A culpa -dixo tremendo e ca vista baixa- o problema téñoo eu que son impotente.

A partires daquel día, ela xa non o miraba igual. comezaron as discusión, sempre por parte dela, os insultos baseados na falta de hombría, etc. sempre froito da obsesión por ser nai. Con esas premisas foron buscando a lúa, paseando cas discusións de sempre acompañado dos insultos oportunos pola zona sur-leste do pobo.

Na outra parte do pobo non era necesario buscar, xa que era unha chaira sen apenas vexetación que se albiscaba desde tódolos puntos do pobo, nembargantes o vello sabio foi paseniñamente peiteala.

O rematar cadansúa zona, quedaran todos na praza do concello para intercambiar as pesquisas que cada grupo acadara. Chegou a hora da xuntanza e chegaran todos menos Breixo e o avó, mais como tardaban tanto non agardaron por eles.

Xoán e Manuel expuxeron cunha exemplar claridade etílica o seguinte: “revisada toda a parcela, a nos adxudicada e, tomando varias mostras nos diferentes bares, quería dicir….lugares, chegamos á conclusión de que a lúa non se acha nestes dominios”.

Logo, tanto o vello como o matrimonio explicaron que nos seus repartos territoriais tampouco acharon á lúa, e como queira que Breixiño e e seu avó non daban chegado deron por rematada a búsqueda.

Carme acendeu o coche para marchar para a casa e diante de todo a praza dirixiuse ó seu marido: -Sobes Xosé? Ou tamén te sentes impotente para vir comigo no coche- todo o pobo fitou para Xosé con cara de pena. Xosé agachou a cabeza e marchou andando coa vergoña e a desesperación do que da todo e non consegue nada. Empezou a andar cara o monte das almas, onde erguido na parte máis outa do mesmo reinaba poderoso o piñeiro dos salaios que era a árbore na que se aforcaban os que coidaban que rexeitando o corpo as penas marchaban con el, sen saber que os sentimentos só se apuntalan no espírito e non desaparecen nunca, senón que pasan a ser a carga que arrastra a Santa Compaña no seu decorrer. Asemade Xosé preparaba a súa fatídica forca, María entrando co coche no garaxe, atopouse cunha estraña luz que saía dun queixón de ferramentas do seu marido e cando foi mirar de onde proviña, abriuno e saíu dela a lúa que iluminaba uns papeis. Ela comezou a lee-los; eran as probas de fertilidade que tanto el como ela fixeran…as probas dicían que debido a unha meninxite que de pequena tivo María imposibilitábaa a ela para poder quedar embarazada. De repente caeu na conta de todo o que fixera sufrir a Xosé, do cruel que desde entón fora con el, e de que por mor do todo o cariño que el lle tiña e a sabendas das arelas que tiña de ser nai, nunca foi capaz de dicirlle que ela mesma era a culpable de non poder ter fillos, polo que saíu a buscalo para pedirlle perdón e devolverlle tódolos bicos, todo o cariño que desde entón non lle daba…atopouno no monte das almas, pendurado cunha corda ó pescozo do árbore dos salaios xa para sempre morto. A lúa volveu brillar no ceo.

Derrubouse, tirouse ó chan, e preparou outra corda para ela, mais cando se ía a colgar sentiu o choro dun neno e unha man que agarraba a súa; era
Breixiño: - Axúdame por favor, o meu avó caeu por un barranco e non o atopo- Nese mesmo intre a lúa volveu a esvaecer… pero esa xa é outra historia.

A lúa
non e túa,
que é de todos
e garda os soños…
e garda os soños…

miércoles, 1 de abril de 2009

ONTE MORRÍN I (tricontoloxía)


ONTE MORRÍN
(Tricontoloxía)


I

“Onte morrín. ¡Boh! Eu coidaba que era outra cousa, si home, había xente chorando e laiándose, sobre todo unha muller que eu sempre lembraba cun espírito xuvenil e o máis fermoso dos sorrisos, a pesares de que os anos trataban de minar os seus máis íntimos desexos alugados ó noso porvir, miña naiciña, unha bendita. Mais polo resto a verdade é que me desilusionou isto de morrer, agardaba outra cousa, que sei eu, un túnel ao final, unha lumieira que me guiara por un camiño oculto entre as tebras, alguén agardándome para levarme a algures (dependendo de como me portara en vida), nese aspecto coido que gañei non atopando a ninguén dedicado a estes labores; ou converterme como na película nun corvo segundo fosen as circunstancias da miña morte. Pero que va, nada diso, aínda que case mellor así, tampouco me atopo tan mal, de feito, eu sempre padecín dos pulmóns por mor dun (como dicía meu avó) – ghripe mal curado – e nembargantes neste estado non teño a sensación de afogamento que sempre sufría...pensándoo ben, se o sei ... ¡morro antes, que carallo!”
“Tamén tiña a idea de que se morrías ía vir a túa familia defunta a buscarte, mais tampouco, se ben, a verdade é que a algún si gorentaría de velo, a outros – ¡bueno coño! – aínda que non os voltara ver, tampouco se perdía nada. O peor de todo isto é a intriga, o non saber, a ignorancia do que poida acontecer a partires de agora. Digo eu, estou morto, vale, moi ben, son consciente diso e estou disposto a apeitugar con esta situación, mais aquí estou, sen saber que facer nin que vai pasar ; esto lémbrame unha vez que quería coller o autobús e pregunteille a unha mociña- mira jopiña,¿a que hora sae o autobús para Lestrove? ¡ Quén me dera agora unha jopiña ou cativiña que me indicara a que hora ou onde se colle o “defuntobús”, ou simplemente que me ensinara o protocolo a seguir para pasar de vivo a morto”.

“Reflexións á parte, o certo é que non lembro como cheguei a morrer, de que morrín, polo que trato de pescudar entre os presentes no meu velorio. Hai unha señoriña que di algo así como – non ves muller? morreu no mellor de vivir – e sen querer boto a rir; faime gracia porque esta é unha expresión que me soa repetida, é que a verdade, en Galiza un defunto que se precie só pode morrer de dúas maneiras, ou ¡no mellor de vivir! ou ¡para sufrir así, foi mellor que o levara “nuestro señor”! Eu estou no primeiro grupo, ha ha ha. Por riba, parece ser, segundo escoitaba alí, que era certo, que me tocaran uns bos cartiños nunha lotería, que ía casar cunha mociña ben bonita, ben boa e de mellor familia, herdando unha inmensa e preciosa casa de pedra cun xardín , como dirían os de Aghiño (localidade do Barbanza), que non se lle calculan os ferrados que abarcaba dun meu tío que levaba toda a vida en Nova Iorque, e que eu nunca coñecín, quizais agora. Xa hai que ser parvo para morrer así. (Boh, se o sei non morro).

ONTE MORRÍN III (tricontoloxía)


ONTE MORRÍN III
(tricontoloxía)


“Onte morrín. E agora que? Devecía por saber que sentían os humans ao pasar ao alén mundo. Nin polo maxín se me pasou caer eu mesmo na miña trampa, autonicándome, languidecendo pouco a pouco, atrapado nas miñas infalibles gadoupas. Miro ao meu arredor e vexo á xente felizmente alporizada, saltando, revirados de alegría, berrando ao unísono:- morreu a morte, matamos á morte, xa ninguén máis voltará morrer-“.

“A morte feita cadáver. Trato de razoar que significa todo isto, cales poden ser as consecuencias da miña morte. Nun principio semella algo bo para o ser humano. Xa ninguén morre. Agora que parecía que o descenso da natalidade podería supor un problema no planeta terra, de súpeto achamos unha solución...¡non saben que fixeron estes humanos!.”

“Imaxinemos unha persoa duns cen anos, cos achaque típicos da súa idade: reuma, perda paulatina dos sentidos e das capacidades motrices, dores, enrugamento da pel con chagas, etc..máis ou menos sería un caso normal dos que chegan a esa idade, agora voltemos imaxinar ese corpo con mil anos, con dous mil anos... porque a morte non ten nada que ver coas limitacións e a finitude do corpo humano”.

“Xa non me vou meter nas consecuencias socio-económicas que serían verdadeiramente destructivas (paro, ¿a qué anos sería a xubilación?, acugulamento da poboación e do planeta en xeral, propagación de pragas e enfermidades víricas xa que se os homes non morren os animais tampouco, fame, ateigamento de peixes no mar ate non quedar mar, o ar inzado de aves ate non quedar un anaco de ar, en fin un planeta envolto de corpos podrecendo, un planeta morto en vida”.

“Eu non era o malo, o meu traballo nun principio consistía en separar os corpos das almas cando os primeiros xa non daban máis de si mesmos. Eu tiña un labor case de caridade, de liberación, era unha peza indispensable para poder manter a vida no planeta tal como estaba concebida. Os malos eran eles mesmos, os humanos, os mesmos que me mataron a min. Eles son os que violaban e mataban meniños, eles asasinaban e maltrataban mulleres, acababan cas poboacións so con afán de lucro, eles escravizaron corpos e mentes da xente mental, social e economicamente febles ate levalos ao suicidio, eles exterminaron comunidades enteiras experimentando con armas químicas, eles, en fin, foron e seguen sendo fontes de corrupcións, maltratos e vexacións de todo tipo, acabando con especies enteiras de animais, eles foron os que trocaron a miña amable e fermosa imaxe por unha tenebrosa figura esquelética cunha gadaña para dirixir a súa culpa cara a min. Eu fun creado para acoller aos de (como din na comunidade de humans da Nazón de Breogán) :-para sufrir así foi mellor que os levara “Nuestro Señor”- pero por culpa deles rematei traballando mil veces máis cos de:- non ves muller, morreu no mellor de vivir-. Malditos humanos”.

“ E agora atópome aquí vagando en terra de ninguén, mataron á morte e agora non hai quen me leve, só me queda vivir na morte, mirando como van morrendo os homes en vida...¡Que fixestes insensatos!

ONTE MORRÍN II (tricontoloxía)



ONTE MORRÍN II

(tricontoloxía)

“Onte morrín. Unha víctima máis da violencia doméstica, é mellor morrer que seguir aturando este suplicio, prefería que morrera el, pero os paos sempre creban pola parte máis feble e neste caso era eu. Debería odialo, mais a xenreira non atopa camiño cando a impotencia o inunda todo. ¡Ai, meus filliños, estou fitando cara eles, os dous ingresados na U.V.I., qué culpa tiñan os coitadiños, non che chegaba comigo fillo de puta! Ai, meu Deus, déixaos vivir, lévame a min aínda que sexa mil veces pero déixaos a eles que vivan, que teñan a posibilidade de acadar permanentemente a felicidade que eu non disfrutei nin por momentos.”

“¿Quen anda aí? Aparece ante min unha figura humana, semella un home, cunha cara fermosísima e a mirada máis doce, o sorriso máis cativador que endexamais ollara, o cal, dirixíndose a min cunha confortable voz díxome: non teña medo, son a morte”

“Nun primeiro intre tiven unha sensación de hostilidade e incredulidade ao mesmo tempo, pero curiosamente nunca de medo. Era demasiado feitiña e agradable a morte anque como ela mesma dicía non tiña un oficio demasiado popular entre a xente. Eu adoitaba pensar na morte como alguén horrendo, unha caveira cunha carapucha negra, mirada sanguiñolenta e afiada gadaña, en fin, unha mala besta, pero todo o contrario, comezei a contarlle a miña vida e namentres lla ía relatando trataba de consolarme, de confortarme, minimizando e ate case ridiculizando o mesmo estado de defunción. Xa non tiña medo a morrer, semellaba tan natural na serenidade das súas verbas que non cabía sentimento negativo de ningún tipo nese trance”.

“De súpeto, a morte desviou a súa mirada cara á U.V.I. por un intre, voltando a súa cabeza ao sitio pero agochada. Detrás de nos albisco dúas pequenas figuras achegándose. Ao ir alzando a súa bonitísima face agora inzada de bágoas, sinalándome para a U.V.I., díxome:- ás veces non é doado ser a morte- Volto mirar cara ás pequenas figuras e a miña serenidade derrúbase: - meus filliños, fillo de puta...”

jueves, 26 de marzo de 2009

CROQUE (FRORES ENSANGUENTADAS DE SAN XOAN)



Croque de paixón, croque de estalida beleza, croque de morte.
(Croque: inicio-adorno-final)

(INICIO) Noite de San Xoán; xuntabamos madeira e amizade a partes igüais para acadar que a nosa fogueira competira en tempo e orgullo coas das nosos conveciños.

Non a coñecía, era parte activa da cadea humana que para o traslado de leña formaramos. Estaba a carón de min mais non lle prestaba atención ate que no mesmo intre en que me ía pasar unha pola de abidueiro enfeiticeime cos seus ollos e levei o máis forte e á vez menos dooroso dos croques que a susodita pola me puidera dar, fancendo que no lugar de gacear mil laidos, sospirara salaios de vertente amorosa.

(ADORNO) Somente motivados polo instinto e nese mesmo intre abandonamos a cadea e paseniñamente fomos camiñando como monicegos sen radar, recricando cas frores malvas de croque, previamente estaladas como manda a tradición (as frores de San Xoán estalan na mán), a sua xa de por si adornada cintura.

(FINAL) Saltando de rocha en rocha esvaramos os dous...ela abreu a cabeza e pechou para sempre os ollos; marchou como veu, silandeiramente, sen apenas coñecela; a min saiume un croque na cabeza, que pasou en dous días e outro no corazón que todavía non pasou. Xa as frores de San Xoán non me estalan somentes na man...

AINDA NON CHEGOU A HORA


AINDA NON CHEGOU A HORA

Era a muller máis escrava que xamáis vira, era miña tía, traballou arreo toda a vida para que nin a min nin a miña coitadiña nai nos faltase de nada. De nada nese tempo considerado o tempo da fame, era simplemente ter algo de comer case todolos días e ter algo que calzar e roupa non demasiado raida para por no inverno. Para acadar todo eso sacaba o gando a pastar cando ainda non cantara o galo, ía traballar a tódalas leiras cantas podía, o rematar ía as piñas e á leña para os señoritos e ainda atopaba tempo para coser na casa do cura, todo esto sin descoidar a casa nen a sua familia. Era todo xenio, cunha forteza física inagotable, nunca estaba queda, non lembro que se acostase antes das duas da mañá nin que se erguera despóis das cinco.Era escrava dos escravos da Galiza profunda, terra de nenos-home e de vellos de apenas corenta anos eivados e deformados por mor do traballo e as angurias que pasaban, facendo frores dos toxos que a vida lles ofertaba. E agora languidecía nunha cama de palla, morría a pesares dos nosos coidados. Polo que decidimos falar co cura a ver que podiamos facer. O señor cura tiña tempo para bautizar ó fillo do señorito máis non para darlle a extremaunción á miña tía, díxo que abondaba con que pouco antes de morrer lle botáramos unhas pingas de Auga Bendita debaixo da cama.Cheguei ao seu cuarto; case non alentaba, tiña os ollos pechados e un esblancuxado semblante que agoiraba o peor, que semellaba chamar a gritos á morte polo que decidín botarlle as pingas de auga debaixo da cama, máis cando ó ía a facer, sin abrir os ollos nin mover un só músculo do seu corpo díxome. “Estate queda Pepa, ainda non chegou a hora, xa che aviso eu”. Marchei asustada, non podía entender como sabía o que ía facer. Pasou o día, e a maña seguinte, cando lle ía limpar a habitación díxome: “Agora Pepa, agora chegoume a hora”; deseguida fun collela auga e botarlla por debaixo da cama- “grazas Pepa”- xa nunca máis voltou a falar.

lunes, 9 de marzo de 2009

PENUMBRA




PENUMBRA


...esa maldita luz outra vez..

Desperto no medio da noite, aterecido de frío, ruidoso silencio espido de razóns, e outra vez esa maldita luz esnaquizándome o sono, invadindo xudíamente o meu palestino estado onírico; sempre a mercede dela, desa bombilla... que alguén a apague, a oculte, a afogue....

Ao non poder dormir, levantome na penumbra da noite na miña xélida habitación e érgome agonizante, movéndome dun a outro lado sen máis sentido que o meu proprio instinto.


De repente sinto unhas dores que me derrotan, fanme encoller e agazapado nunha esquina da habitación escomenzo a tremer, entre pálpitos e convulsións, cecais tamén mercede á febre, creo divisar unha figura enfrente a min. Trato de acercarme a ela e a figura se achega a min..

“...non, non,...socorro, .. non pode ser, deus me axude, como pode ser, ¿que pasa hoxe?, ¿que é isto?...”

Hai un lobo na miña habitación, non pode ser, ten que ser a febre, delirios de vertente lobisome, o máis grande, terrible e fero que endexamáis vira ou imaxinara, cos ollos ensanguentados; si o demo existe debe ter a misma mirada, os mismos xeitos; achégome a el e el lonxe de afastarse acercase ao mesmo tempo ca min.

Xa case pegado a fera, instintivamente trato de afastalo golpeándolle con todalas miñas forzas...oese un ruido de cristais e o lobo e esvarécese, desaparece da miña vista, mais sinto que ainda segue aquí.

Desesperado, pecho os ollos e trato de esquencer todo o que está sucedendo, como si non mirando o problema desaparecera; aférrome a almofada da cama como Estados Unidos á liberdade petrolífera do pobo iraquí e alonxándome mentalmente dese maldito lugar, dese maldito animal e desa maldita luz consego dormirme...

Oito e media da mañán, o furioso son do despertador consegue interrumpir o meu pesadelo. Abro os ollos, xa é de día. As sábanas da cama están rasgadas, a fiestra aberta, o espello da porta do armario roto en anaquiños esparcidos polo chan e esa maldita luz blanca transformada no amarelo farol do sol, maldita lúa chea...

P.D.: Os comezos dun xoven lobisome.