domingo, 9 de mayo de 2010

GALIZA FEDELLA I (E ANDA A SERVIR.- tricontoloxía)


Disque somos un pobo que non se sabe si subimos ou baixamos, se imos ou se vamos, quizais teñamos a sabedoría dos que unha vez foron perseguidos, humillados, explotados dentro e fora das nosas fronteiras, crebados lingüística-mente, polo que tratamos de non dar pistas de onde achar as nosas debilidades para non poñerllo doado os que trataron de facelo e que aínda seguen, agochados na máscara política e de igualdade, para tratar de reventar todo o traballo que de reo tiveron os nosos antepasados, para eles e sobre de todo no nome deles, vai dedicada esta nova tricontoloxía

I
E ANDA A SERVIR….
Carmela era una muller intelixente, desas que só a falla de escola fixeron que rematara os seus días servindo na casa do señorito. Iso si, o seu traballo tomábao en serio, como o mellor traballo do mundo, non en vano é tan importante neste mundo ter un bo avogado como un bo camareiro. Pois ela era a mellor serventa do mundo, escomenzou con tan só nove anos, e agora xa tiña setenta, e despois de pasar dúas xeracións de exprotadores na súa carne, con toda a dignidade que che da o traballo ben feito, recoñecido e recompensado pasou a servir á neta da primeira señorita, como se acostumaba a chamar naquel tempo, ou Doña Sinda, a pesares de basar o seu rango na vida na desviación proxeneta do seu marido que achou na súa necesidade de comer, o remedio rastreiro as súas necesidades sexuais, o que definiu Castelao na súa obra “OS VELLOS NON DEBEN NAMORARSE”, máis o que se definiría como vello verde, pasou a ser namoramento só por mor dos cartos… semella como a exprotación infantil que tanto aborrezo, pero parece ser que si o meniño canta e actúa non é, pero si traballa recollendo cartóns para poder saír da fame, entón si, entón é exprotación infantil, e inflúe na seu percorrer como meniño, o outro…seica non…
En fin, Carmela levaba toda a súa vida facendo a súa laboura como serventa sen ningunha tara, sen ningún reproche ate que chegou ela…a nova señorita.
- CARMEN¡ Los platos no están lo suficientemente limpios, hay que limpiarlos mejor.
Carmela, que era una muller de gorentaba de facer a súa laboura o mellor posible, porque para ela facer ben o seu traballo era importante, relimpou os pratos dúas e tres veces, pero a cantiga sempre era a mesma:
- CARMEN¡ Los platos no están lo suficientemente limpios, hay que limpiarlos mejor.
Carmela foi ó río das augas máis mornas e fregou con area da Praia os devanditos pratos, secounos ca la do único traxe que ela mesma tiña para os días de festa e prantounos na mesa co máis grande dos cariños, e tivo que escoitar:
- CARMEN¡ Los platos no están lo suficientemente limpios, hay que limpiarlos mejor.
Carmen xa estaba desesperada, e non sabía que facer para ter aqueles pratos, que nin de fábrica saíran tan brancos, o suficientemente inmaculados para que a señorita non lle puxera tara, e…mexoulle enriba deles.
O rematar volveullos a por na mesa na que estaba co seu home vello e cos vellos amigos que tiña, e díxolle:
- Vés Carmen, así sí que están bien, que le hiciste.
A señora Carmela fitou cara ela e coa habilidade que nos dá a sorna desta terra díxolle:
- Era falta de auga quente, señorita (hahaha).
Xente intelixente, xente valente, só así se entende que só eles, os nosos labregos, os nosos mariñeiros, os nosos escravos, foron quen de perpetuar esta nosa lingua.

martes, 2 de marzo de 2010

BOLBORETAS MORTAS


Falaba el só, ou non, naquela cova, que nin a luz do día chegaba a iluminala, por riba cando subía a marea enchíase de auga, deixando sómente un furado na parte traseira que seguía quedando en seco facendo de cama e de miradoiro, todo á vez, e malia que estaba case todo ocupado por dous estraños vultos, deixaba o sitio suficiente para o noso protagonista:
- Estaba tolo dicían, estaba tolo …e máis un carallo¡
- Estaba tolo, dicíano os médicos e as enfermeiras daquel psiquiátrico.
- Está tolo, está tolo, dicían os sisados sómente porque decidín vivir con elas.
- Saqueinas das gaiolas que constrúen os humanos para enterrar os seus seres queridos, os seus seres queridos¡…e o tolo sigo sendo eu (ha,ha,ha).
- E si estou tolo, que? Quen non ía tolear vendo como desangraban as súas bolboretiñas; como alguén lles arrincaba xa para sempre a súa capacidade de voar libres.

A marea estaba baixa, e fora oíase o rosmar da xente. Era un día tristeiro, dos que sementan depresións na atmosfera e na alma da xente, día escuro dun inverno chuvioso por máis, de maneira que só andaban nas rúas os que trataban de atopar ó noso tolo da cova por máis que no seu interior sentisen que non debía facelo, porque, quen eran eles para xulgalo, quizais a liña entre estar ben ou tolear era máis frouxiña, máis cativa do que coidamos, sómente fai falla algunha desgraza que por mor do infortunio ou da ruindade dalgunha xente se podía producir, emporiso que a búsqueda era constante pero non moi a fondo.

O tolo, seguía falando case que só na cova, case que nu de roupa e de conciencia, case que famento de comida e cariño, case carente de sentido aínda que ca xenial xesticulación e a expresividade de ollos que a loucura magnifica ate case deformar as faces:
- Miñas bolboretiñas, miñas bolboretiñas, xa ninguén volverá a facervos dano.
- Maldito fillo de puta, has de apodrecer antes que elas, porque a ti, a ti non hai amor no mundo que se saque do nicho….fillo de puta.
- Coidabas que te ías librar por ser o fillo do señorito…e máis unha merda, vos tamén sangrades cabróns, incluso máis que os pobres que só nos temos os uns os outros.
- E eu só tiña a elas, as miñas bolboretiñas..non che chegou con abusar delas, con mexarlles por riba, por deixar que a bolboreta nai tivese que ver como lle facíalles tamén iso á bolboreta filla e como a matábades, para finalmente matar tamén a ela para que non che puidesen denunciar.
- Peor foi ter que oír no estrado que o xuíz che daba a liberdade por encontrarte nun estado alterado cunha perda da consciencia por mor dun medicamento que dis que tomabas, despois de escoitar todo o que fixestes con elas.
- Pero non contabas que onde se perde a xustiza e os xuíces estaba eu, que sen mediar máis que o tempo necesario para atravesar a liña distancia-temporal entre o ditame do xuíz e a separación que entre nos había, degoleiche á vista de tódolos que encheran de cartos a xustiza para que ésta mirara para o outro lado.
- (ha ha ha) Só a morte e común para ricos e para pobres, sentín como perdíalo alento igual que as miñas bolboretiñas, vin como os teus ollos que antes ollábanme por riba do ombro, agora pedían compaixón…e máis unha merda¡ si de algo me arrepinto e de que sufriras tan pouco, só agardo que o demo remate o traballo que eu só comencei.
- Por iso foi que me enviaron a aquel psiquiátrico, por abrazarche e mirarche ós ollos co mellor dos meus sorrisos namentres te desangrabas.

Naquel psiquiátrico obrigábanme a ler, como parte da miña terapia e déronme un libro dos antigos pobos celtas. Un deses pobos tiñan o costume de embalsamar o corpo dos seus defuntos para conserva-los por si algunha vez as súas almas decidían reencarnarse en eles mesmos, explicando con todo detalle a composición dunha poción utilizada, polo que decidín fabricala. Unha noite máis escura que os mesmo inferno, achei a maneira de escapar e fun desenterrar á miña muller e máis á miña filliña, embalsameinas e acochámonos os tres nesta cova na que agora estou:
- Sei que pensades que son un tolo por querer estar con elas.
- Non digo que non teñades razón, pero tódalas noites deitome o carón delas e sego sentindo o calor, o cariño e ate o agradecemento por non deixalas apodrecer naquel nicho.
Desde entón todo o mundo anda a miña procura, sen darse conta que estou naquela cova, xusto debaixo dos seus pes, e aínda así non son capaces de atoparme. Xa é tarde, e como tódalas noite súbome enriba do furado, doulle dous bicos ás miñas bolboretiñas e durmo ó seu carón ..pero esa mesma noite tiven un soño extraño: soñei que os seus corpos encoirados por mor da poción abríanse como crisálidas e dentro delas saían outra vez vivas as miñas bolboretiñas e namentres me bicaban…despertei.
- Que merda fago aquí, outra vez neste psiquiátrico.
- Xa me atoparon de novo este fato de cabróns insensibles.
- Si me atoparon a min, tamén as atoparon a elas, que fixestes con elas, cabróns.

Volvo a derrubarme, volvo a chorar, de pena, de rabia, de noxo…non sei ben de que, pero o certo e que as bágoas ademais de limparme a cara tamén me empezaron a limpar a mente, a liberarme dos azos da tristura, deixando de ter compaixón de min mesmo, e pensar en escapar para buscar ás miñas bolboretiñas. Collín un coitelo da cociña daquel hospital e cal fillos de señoritos empecei a matar a todo aquel que trataba de pararme ate chegar finalmente fora. Aproveitando a escuridade da noite, corrín cara a cova e case como se escoitase un enfeitizado canto de nereida chamándome, tireime ó mar, xa que a marea estaba chea, e metinme dentro dela…pero non estaban:
- (ha ha ha) Non foi un soño, non foi un soño, as miñas bolboretas voan de novo, e despois dicían que estaba tolo (ha ha ha). Esa noite a marea subiu máis que nunca naquela cova, ate afogar a súa risa, a súa vida pero non o seu soño.

viernes, 22 de enero de 2010

NOBREZA III


NOBREZA III
Nin fu, nin fa
(nin fuxen, nin fame)

…avóa, porque sempre fas un bolico de pan de máis?…..

Era un home de carácter reservado, case que ruín, case que huraño, xérmen do escravismo da Galiza esfameada. Daquela non había exprotación infantil, só había fame ou traballo, e moitas das veces dábanse os dous casos. Xurdíu da Galiza rural, da Galiza escrava, meniños que o mesmo ían as piñas para o señorito, que ían remando durante horas nunha dorna…durante anos nunha vida…para poder levar á casa algo de comer, e comer eles mesmos. Bon, pois algo así era o meu bisabó, criado a base de traballo desde que aprendeu a andar, nadie lle regalou nada, todo o contrario, traballando de arreo prácticamente polo prato de comida; xa aboliran a escravitude había un século nos Estados Unidos pero en Galiza todavía continuaba, eso sí, non tiñamos racismo; para os señoritos era igual un home de raza aria que de cor, sempre e cando o poudese explotar.

Pero dentro da pobreza tamén hai crases, na casa do meu bisabó nunca faltaba pan, todolos días faciamos un bolico de pan no forno que tiñamos, e iso era case ser ricos naquel tempo. O resto da rua na que estaba emprazada a nosa casa eran pobres case de último nivel, dos que botaban dous días pedindo polas aldeas para poder levar un bolico de pan co valoro ou con sorte algún anaco de touciño por facer un traballo que ben valía o porco enteiro..

Foi un deses días nos que a fame semella querer buscar os límites os febres humanos, finxindo limitacións en troques de virtudes que ninguén imaxinaría que poideran xurdir entre tanta miseria….estaba meu bisavó só na casa, pois a sua dona (a miña bisavoa) saira para traballar. De súpeto escoitou un ruido no forno e votou cara alo correndo. Ao chegar escoitou como dentro do forno no que se estaba a facer o pan saían uns laios de miniños… eran de duas rapaciñas que vivían aló cerca e que eran pobres de último nivel, que cando xa non poideron máis e entraron para coller o pan do mesmo forno, quedaran encerradas, donde se estaban queimando por medo as represalias do meu bisavó.

Meu bisavó, temblándolle as mans, sacounas do forno, queimadiñas, dooridas, avergoñadas por tratar de roubar o pan, apoucadas, porque sentían que estaban facendo algo malo, “NON ROUBARÁS”, decía a igrexa, pero sin embargo non falaba nada da fame, “NON ROUBARÁS” algo que tentaba contra as dores da alma pero que nadie lle dixo a elas, coitadiñas, como eliminar as dores que a fame producía no corpo, "NON ROUBARÁS" pero ninguén lles decía "NON PASARÁS FAME"; e dándolles o pan que tiñamos para nós ese día, mandounas para a sua casa e en canto marcharon o ruin home de ferro escomenzou a chorar.

Pouco despois, chegou a miña bisaboa e foi sacar o bolico de pan do forno…mais non se atopaba alí, polo que lle dixo ó meu abó:

- Xosé, collestes ti o pan da lareira?
- Non, eu non.
- Pois alghén o roubou…seguro que foi Maruxa, vaime a escoitar.
- Estate queda, compañeira, pídocho por favor.

O meu bisavó agarrouna antes de que poidera sair da casa, e ainda con bágoas na cara, abrazouna e contoulle o sucedido. Nunca miña bisavóa vira ó seu home mergullado na sua propia tristura, vencido polas desgracias alleas, cando as propias nunca o fixeran, e desde entonces na miña casa fanse sempre dous bolicos de pan e deixámos un deles fora da lareira, que unhas veces desaparece e outras non, pero nadie pregunta por el...

Nobreza ou pobreza? Si cando desde a pobreza pode aparecer a máis grandes das nobrezas, ca riqueza e o traballo compartido, ninguén debería pasar fame. Oxalá este sentimento chegue a quen poida facer algo……..

viernes, 21 de agosto de 2009

NOBREZA II.- NIN FU NIN FA (nin fume nin fala)


NOBREZA II
Nin fu, nin fa
(nin fume, nin fala)

O que deseguida vos vou relatar podería parecer crueldade, pero cecais contando todo desde o principio sexamos capaces de ver a verdade e en consecuencia a bondade que pode destellar a nobreza que provoca a unión da fame, quizais sexa certo que non hai mal que por ben non veña..

Pero imos ca historia, Breogán e Xosé eran amigos desde ben pequenos. Xosé era unha desas persoas que sin sabelo nin pretendelo remataba sendo o centro de atención, un líder natural, unha desas persoas especiais que todos coñecemos dos que todo o que lle saía polos beizos caíalle ben, se Xosé fose americano, posiblemente sería sen el sabelo o rapaz máis popular do high school. Ainda que o grupo de amigos era numeroso, para Xosé a amizade que máis tiña en estima era Breogán.

Breogán era o polo oposto a Xosé. Breogán trabábase ao falar, era tatexo de nacimento, a ainda así, ou quizais por eso mesmo, a sua amizade afondou máis que cos outros rapaces. Namentras nos demáis había un pequeño sentimento de envidia, Breoganciño admiraba o que para el era case poesía que Xosé vertía instintivamente pola boca; adoitaba e adoraba escoitalo, quedaba como enfeitizado coas suas charlas, e facíalle sentir fachendoso por ser o seu amigo, case como se dun fillo propio se tratase.

Pero pasou o tempo, xa rondaban todos os sesenta anos e namentras os demáis levaban con naturalidade física a sua idade, a Xosé, debido a un cancro na gorxa, tivéranlle que estirpar as cordas vocais, cando xa levaba tempo finado nunha silla de rodas por mor dun accidente que tivo alá pola Argentina no barco no que andaba. Desde entonces Xosé entro nunha depresión, nunca quería sair, e a verdade os seus amigos da infancia despois de intentalo varias veces, acabaron por desistir.

Breogán tivera que emigrar, caso raro en Gallaecia!, e montara un negocio que lle ía moi ben alá en Costa Rica, daquela non había telefonía e case era imposible manter un contacto a tanta distancia, polo que non se enterara de nada do que a Xosé lle pasaba. Mais, e aquí entrou unha das divinidades da nosa terra, un dos signos de identidade da nosa terra, que nos distingue dos resto dos mortais, e ainda que a pesares de que xa tiña a sua vida feita aló ca sua familia, a deusa morriña dou por estreitar os lazos de unión rotos pola emigración e Breogán voltou para a sua Galiza. Ó chegar, xa o puxeron ó día dos problemas de Xosé, así que foi correndo á casa del. Ó chegar abrazouse ó seu líder, ó seu amigo, e poucas veces teredes visto unha imaxe tan mollada como a que formaban os dous amigos e o millón de bágoas que dos seus ollos saían.

Ó rematar, Breogan levou a Xosé a tomar un viño co resto dos “rapaces”, e como pasa nestes casos escomenzaron todos a falar das anécdotas, das aventuras e incluso da fame que pasaran cando andaban todos xuntos. Nesto estaban cando Xosé empezou a chorar silandeiramente, sen emitir ningún tipo de son, de laio, de lamento para tratar de que bágoas pasasen desapercibidas, pero un deles douse conta e preguntoulle o motivo da sua pena, e Xosé collendo un papel e un lápiz escribiu.”Eu tamén quero falar como vos” e pasoulle a nota a Breogán. Breoganciño arrodillouse cara el e bicándolle as mans díxolle:”
Bas, bas, bastante fala, fala, falaste de pe, de pe, de pequeño, ami, ami, amigho, agora to, to, tócame fa, fa, falar a min” e sorriulle. Todos escacharon a rir, incluso Xosé que non paraba de abrazalo, pero era unha risa sá, nobre…

Nestes tempos que corren, nos que hai moita costume de rirse dos males alleos, quizais coidando que nunca nos veremos mal, tartamudeando egocentrismo, ruindade e maldade a partes iguais, deberiamos aprender do importante que é a amizade contínua, ainda que como neste caso, esté feita de palabras intermitentes..

martes, 30 de junio de 2009

NOBREZA I.- NIN FU NIN FA (nin fume nin fame)


NOBREZA I
Nin fu nin fa
(Nin fume, nin fame)

Adoitaban xogar antes de comer…corrían os principios dos anos 60, o tempo da fame. Unha pelota feita de tripa de porco era o seu balón regulamentario, duas pedras as porterías e a praia o terreo de xogo. Qué Maradonas perdeu este pais por culpa da fame!

Pero como decía, adoitaban xogar antes de comer; facíano descalzos na praia, pero non por medo a encher os zapatos de area; nas zapaterías non entraban areas e nas casas non entraban os zapatos.

Ás dez da mañán baixaron para a praia a xogar, sempre antes de comer, ás veces tamén baixaban as cinco da tarde pero seguía sendo antes de comer…Había un que de tan feble que estaba non podía xogar e era o encargado de radiar o partido: “escomenza o partido na praia da Corna, hoxe non hai unha boa entrada, o público non ateigha as bancadas pero sí está entreghado as cores dos seus respectivos equipos…”
- Cala xa cheiño de moscas.(ha ha ha ha).
Pero el seguía metido no seu papel de comentador deportivo: “Por parte do equipo MAISFAMENONCABENOMUNDO xoghan co sighiente equipo: como porteiro o fillo de caghanoregho Mooooooonchiño, como defensas o trío da morte: Xosé o Paspallás, Parruliño o fillo do enterrador e Pedriño o da Santa Compaña e no medio o duo menos dinámico, tamén conosidos como “quinseañostienemiamor”, Serxiño o de Moncha e o Ghopiño da Batea e a estrela do equipo na punta do ataque Maaaaaaaaaartín Luterquín (ha ha ha), namentres polo outro equipo NOSAINDATEMOSMAISFAMECAVOS como porteiro, o único porteiro manco do mundo Xanciño o de Socorro, como defensas os rápidosdepontequieto Manoel Nervioroto, Marquiños o tarado e Xurxo o tartamudo máis faladoriño do mundo enteiro, completan o equipo no medio do terreo Toñito champanacona e Xiao o esmirrao, e como dianteiro ó unico do equipo que a veces hasta come na casa (ha ha ha), o Puskas de Montañó (en realidade chamábanlle Puskas non polo forte que disparaba senon porque como Puskas era o único ghordiño nun mundo de desnutridos).
Xa despois no medio do partido os comentarios entre os xogadores eran os típicos: “eu chuto máis forte que Puskas”, “non vale furar”, “e o balón entra na portería contraria a todo filispín”, “mira que ghol á reviravolta”, “como volvas a trallar vaste fora do partido, mona do carallo”, “apásama por enriba que vou na llama meu irmán”, “pasa a pelota, chupón da merda”, en fin, os comentarios non eran moi técnicos pero sí o suficientemente aclaratorios.

Xa case levaban catro horas xogando, eran as dúas do mediodia, cando paraban o partido por non poder máis (que Maradonas perdeu o pais por culpa da fame) para mirar para as chimeneas das casas que se albiscaban desde a praia. Como case sempre só saia fume da chimenea da casa de Puskas:
- En fin visiños, teño que marchar que na miña casa- decía case avergoñado- comemos un pouco antes que vos hoxe- agachando a cabeza, como pedindo perdón.
- Sí, decía outro, nos comeremos un pouquiño máis tarde así que seghiremos xoghando un chisquiño máis.
- Sí, é unha pena que te vaias, qúe Maradonas perdeu este pais por culpa do fume!
Votaron todos a rir, porque a fame ademáis de piollos naquel tempo daba tamén unha nobreza e unha alegría na xente, que neste mundo egoísta de fartura endexamáis teremos, que non volte o tempo da fame pero coidado co tempo do fume, que se pode vir contra nos...demasiado fume pode cegarnos.

martes, 14 de abril de 2009

ULA LÚA?


ULA LÚA?

Pouco tempo antes de acontecer o que de seguida vos vou relatar, recordo que un día entrei nunha academia de informática para ver a un amigo e á entrada de mesma tiña expostos uns traballos que sobre a lúa fixeran os cativos de 7 a 12 anos, e entre eles deixoume abraiado o dunha cativa de oito anos que ademais de ter un debuxo da lúa tiña a carón dela unha poesía que dicía así:

A lúa
non e túa,
que é de todos
e garda os soños…
e garda os soños…

Impresionante, mais dias despois de ver o traballo aquel, a lúa desapareceu, esvaeceu do ceo como o derradeiro suspiro dun afogado no mar. - Alguén necesita dela – dixo un ancián ó que todo o mundo apreciaba polo súa sabedoría, e continuou: - Sómente pasara antes unha vez xa hai moito tempo, conta unha lenda que cando algunha persoa cree de verdade que é necesaria na súa vida, a lúa encóllese e deixase levar ao lugar onde cumprir a súa misión.

“Vaia parvada” Escoitouse por alí, pero o vello sinalou unha áurea no ceo que indicaba que se roubara por aquela rexión, momento no cal decidiron organizar batidas para descubrir quen fixera tal atropelo, quen fora tan egoísta de querer posuír para el só o branco e iluminado farol nocturno.

Aínda que a poboación vivía toda xunta nunha pequena concentración de casas ó arredor da igrexa, o certo é que o pobo era moi grande en extensión, polo que se separaron en grupos de dous para comezar a búsqueda.

Por un lado ían Xoán e Manoel, dous amigos que eran envexados pola súa amizade, que semellaba que nada no mundo a podería rachar, era case un matrimonio, pero mellor. Dividiron o pobo en tres cuadrantes, e os dous amigos iniciaron a búsqueda no cuadrante noroeste; non crían moito na historia da lúa pero era a parte onde había máis bares, e iso para eles era un aliciente como outro calquera. Percorreron todos e cada un dos recunchos (dos bares digo), e aínda así fixeron unha labor moi boa mesturando alcohol, risas e investigación a partes iguais, pero sen resultado positivo.

Noutra seira e cubrindo a zona nororiental estaban o pequeno Breixo e mailo seu avó. Breixo ranqueaba da perna esquerda, consecuencia dun episodio froito da mala sorte cando se lle escorregou ao seu avó das mans case recén nacido, batendo contra o chan e provocándolle a irreversible lesión, nunca o soubo superar. Breixiño era un rapaz moi cariñoso co seu avó, sempre sorríndolle e inzándoo a bicos namentres non entendía porqué o vello as veces rachaba a chorar ollando cara a el.

Polo sur-este, se achaban Carmen e Xosé. Ó comezo do seu matrimonio era a idealización do mesmo que todo o mundo anceiaba, a ledicia era unha fermosa monotonía na que vivían refuxiados o un no outro, ate que un día decidiron ampliar ese círculo cun pequeno. Tentárono durante meses sen ningún resultado polo que decidiron ir facer probas médicas para tratar de saber a causa. Ela estaba obsesionada ca idea de ser nai; os nervios non a deixaban ir recoller as probas polo que mandou ó seu home a por elas. El chegou cos informes médicos:
- Que tal meu amor?
- Malas novas_dubidou_ non imos poder ter fillos.
- Por que?- preguntou ela chorando.
- A culpa -dixo tremendo e ca vista baixa- o problema téñoo eu que son impotente.

A partires daquel día, ela xa non o miraba igual. comezaron as discusión, sempre por parte dela, os insultos baseados na falta de hombría, etc. sempre froito da obsesión por ser nai. Con esas premisas foron buscando a lúa, paseando cas discusións de sempre acompañado dos insultos oportunos pola zona sur-leste do pobo.

Na outra parte do pobo non era necesario buscar, xa que era unha chaira sen apenas vexetación que se albiscaba desde tódolos puntos do pobo, nembargantes o vello sabio foi paseniñamente peiteala.

O rematar cadansúa zona, quedaran todos na praza do concello para intercambiar as pesquisas que cada grupo acadara. Chegou a hora da xuntanza e chegaran todos menos Breixo e o avó, mais como tardaban tanto non agardaron por eles.

Xoán e Manuel expuxeron cunha exemplar claridade etílica o seguinte: “revisada toda a parcela, a nos adxudicada e, tomando varias mostras nos diferentes bares, quería dicir….lugares, chegamos á conclusión de que a lúa non se acha nestes dominios”.

Logo, tanto o vello como o matrimonio explicaron que nos seus repartos territoriais tampouco acharon á lúa, e como queira que Breixiño e e seu avó non daban chegado deron por rematada a búsqueda.

Carme acendeu o coche para marchar para a casa e diante de todo a praza dirixiuse ó seu marido: -Sobes Xosé? Ou tamén te sentes impotente para vir comigo no coche- todo o pobo fitou para Xosé con cara de pena. Xosé agachou a cabeza e marchou andando coa vergoña e a desesperación do que da todo e non consegue nada. Empezou a andar cara o monte das almas, onde erguido na parte máis outa do mesmo reinaba poderoso o piñeiro dos salaios que era a árbore na que se aforcaban os que coidaban que rexeitando o corpo as penas marchaban con el, sen saber que os sentimentos só se apuntalan no espírito e non desaparecen nunca, senón que pasan a ser a carga que arrastra a Santa Compaña no seu decorrer. Asemade Xosé preparaba a súa fatídica forca, María entrando co coche no garaxe, atopouse cunha estraña luz que saía dun queixón de ferramentas do seu marido e cando foi mirar de onde proviña, abriuno e saíu dela a lúa que iluminaba uns papeis. Ela comezou a lee-los; eran as probas de fertilidade que tanto el como ela fixeran…as probas dicían que debido a unha meninxite que de pequena tivo María imposibilitábaa a ela para poder quedar embarazada. De repente caeu na conta de todo o que fixera sufrir a Xosé, do cruel que desde entón fora con el, e de que por mor do todo o cariño que el lle tiña e a sabendas das arelas que tiña de ser nai, nunca foi capaz de dicirlle que ela mesma era a culpable de non poder ter fillos, polo que saíu a buscalo para pedirlle perdón e devolverlle tódolos bicos, todo o cariño que desde entón non lle daba…atopouno no monte das almas, pendurado cunha corda ó pescozo do árbore dos salaios xa para sempre morto. A lúa volveu brillar no ceo.

Derrubouse, tirouse ó chan, e preparou outra corda para ela, mais cando se ía a colgar sentiu o choro dun neno e unha man que agarraba a súa; era
Breixiño: - Axúdame por favor, o meu avó caeu por un barranco e non o atopo- Nese mesmo intre a lúa volveu a esvaecer… pero esa xa é outra historia.

A lúa
non e túa,
que é de todos
e garda os soños…
e garda os soños…

miércoles, 1 de abril de 2009

ONTE MORRÍN I (tricontoloxía)


ONTE MORRÍN
(Tricontoloxía)


I

“Onte morrín. ¡Boh! Eu coidaba que era outra cousa, si home, había xente chorando e laiándose, sobre todo unha muller que eu sempre lembraba cun espírito xuvenil e o máis fermoso dos sorrisos, a pesares de que os anos trataban de minar os seus máis íntimos desexos alugados ó noso porvir, miña naiciña, unha bendita. Mais polo resto a verdade é que me desilusionou isto de morrer, agardaba outra cousa, que sei eu, un túnel ao final, unha lumieira que me guiara por un camiño oculto entre as tebras, alguén agardándome para levarme a algures (dependendo de como me portara en vida), nese aspecto coido que gañei non atopando a ninguén dedicado a estes labores; ou converterme como na película nun corvo segundo fosen as circunstancias da miña morte. Pero que va, nada diso, aínda que case mellor así, tampouco me atopo tan mal, de feito, eu sempre padecín dos pulmóns por mor dun (como dicía meu avó) – ghripe mal curado – e nembargantes neste estado non teño a sensación de afogamento que sempre sufría...pensándoo ben, se o sei ... ¡morro antes, que carallo!”
“Tamén tiña a idea de que se morrías ía vir a túa familia defunta a buscarte, mais tampouco, se ben, a verdade é que a algún si gorentaría de velo, a outros – ¡bueno coño! – aínda que non os voltara ver, tampouco se perdía nada. O peor de todo isto é a intriga, o non saber, a ignorancia do que poida acontecer a partires de agora. Digo eu, estou morto, vale, moi ben, son consciente diso e estou disposto a apeitugar con esta situación, mais aquí estou, sen saber que facer nin que vai pasar ; esto lémbrame unha vez que quería coller o autobús e pregunteille a unha mociña- mira jopiña,¿a que hora sae o autobús para Lestrove? ¡ Quén me dera agora unha jopiña ou cativiña que me indicara a que hora ou onde se colle o “defuntobús”, ou simplemente que me ensinara o protocolo a seguir para pasar de vivo a morto”.

“Reflexións á parte, o certo é que non lembro como cheguei a morrer, de que morrín, polo que trato de pescudar entre os presentes no meu velorio. Hai unha señoriña que di algo así como – non ves muller? morreu no mellor de vivir – e sen querer boto a rir; faime gracia porque esta é unha expresión que me soa repetida, é que a verdade, en Galiza un defunto que se precie só pode morrer de dúas maneiras, ou ¡no mellor de vivir! ou ¡para sufrir así, foi mellor que o levara “nuestro señor”! Eu estou no primeiro grupo, ha ha ha. Por riba, parece ser, segundo escoitaba alí, que era certo, que me tocaran uns bos cartiños nunha lotería, que ía casar cunha mociña ben bonita, ben boa e de mellor familia, herdando unha inmensa e preciosa casa de pedra cun xardín , como dirían os de Aghiño (localidade do Barbanza), que non se lle calculan os ferrados que abarcaba dun meu tío que levaba toda a vida en Nova Iorque, e que eu nunca coñecín, quizais agora. Xa hai que ser parvo para morrer así. (Boh, se o sei non morro).