martes, 30 de junio de 2009

NOBREZA I.- NIN FU NIN FA (nin fume nin fame)


NOBREZA I
Nin fu nin fa
(Nin fume, nin fame)

Adoitaban xogar antes de comer…corrían os principios dos anos 60, o tempo da fame. Unha pelota feita de tripa de porco era o seu balón regulamentario, duas pedras as porterías e a praia o terreo de xogo. Qué Maradonas perdeu este pais por culpa da fame!

Pero como decía, adoitaban xogar antes de comer; facíano descalzos na praia, pero non por medo a encher os zapatos de area; nas zapaterías non entraban areas e nas casas non entraban os zapatos.

Ás dez da mañán baixaron para a praia a xogar, sempre antes de comer, ás veces tamén baixaban as cinco da tarde pero seguía sendo antes de comer…Había un que de tan feble que estaba non podía xogar e era o encargado de radiar o partido: “escomenza o partido na praia da Corna, hoxe non hai unha boa entrada, o público non ateigha as bancadas pero sí está entreghado as cores dos seus respectivos equipos…”
- Cala xa cheiño de moscas.(ha ha ha ha).
Pero el seguía metido no seu papel de comentador deportivo: “Por parte do equipo MAISFAMENONCABENOMUNDO xoghan co sighiente equipo: como porteiro o fillo de caghanoregho Mooooooonchiño, como defensas o trío da morte: Xosé o Paspallás, Parruliño o fillo do enterrador e Pedriño o da Santa Compaña e no medio o duo menos dinámico, tamén conosidos como “quinseañostienemiamor”, Serxiño o de Moncha e o Ghopiño da Batea e a estrela do equipo na punta do ataque Maaaaaaaaaartín Luterquín (ha ha ha), namentres polo outro equipo NOSAINDATEMOSMAISFAMECAVOS como porteiro, o único porteiro manco do mundo Xanciño o de Socorro, como defensas os rápidosdepontequieto Manoel Nervioroto, Marquiños o tarado e Xurxo o tartamudo máis faladoriño do mundo enteiro, completan o equipo no medio do terreo Toñito champanacona e Xiao o esmirrao, e como dianteiro ó unico do equipo que a veces hasta come na casa (ha ha ha), o Puskas de Montañó (en realidade chamábanlle Puskas non polo forte que disparaba senon porque como Puskas era o único ghordiño nun mundo de desnutridos).
Xa despois no medio do partido os comentarios entre os xogadores eran os típicos: “eu chuto máis forte que Puskas”, “non vale furar”, “e o balón entra na portería contraria a todo filispín”, “mira que ghol á reviravolta”, “como volvas a trallar vaste fora do partido, mona do carallo”, “apásama por enriba que vou na llama meu irmán”, “pasa a pelota, chupón da merda”, en fin, os comentarios non eran moi técnicos pero sí o suficientemente aclaratorios.

Xa case levaban catro horas xogando, eran as dúas do mediodia, cando paraban o partido por non poder máis (que Maradonas perdeu o pais por culpa da fame) para mirar para as chimeneas das casas que se albiscaban desde a praia. Como case sempre só saia fume da chimenea da casa de Puskas:
- En fin visiños, teño que marchar que na miña casa- decía case avergoñado- comemos un pouco antes que vos hoxe- agachando a cabeza, como pedindo perdón.
- Sí, decía outro, nos comeremos un pouquiño máis tarde así que seghiremos xoghando un chisquiño máis.
- Sí, é unha pena que te vaias, qúe Maradonas perdeu este pais por culpa do fume!
Votaron todos a rir, porque a fame ademáis de piollos naquel tempo daba tamén unha nobreza e unha alegría na xente, que neste mundo egoísta de fartura endexamáis teremos, que non volte o tempo da fame pero coidado co tempo do fume, que se pode vir contra nos...demasiado fume pode cegarnos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario