lunes, 24 de octubre de 2011
A voz desde a barreira
Bieito¡ Bieitiño¡ Meu Bieito¡. Soaba unha voz de muller rachada de anguria, pena e desesperación.
En Palmeira existía hasta non hai moito unha barreira desde a cal as mulleres chamaban os seus fillos, era moi curiosa, non se sabe ben o porqué pero estiveras onde estiveras podías escoitala. A barreira era un precipicio de aproximadamente tres metros (agora desde que fixeron o recheo apenas chega o metro e medio), que ía dar a praia, situada entre duas casotiñas, que viñan sendo pequenos alboios nos que se gardaba de todo, desde animais, galiñas e porcos principalmente, ate toda clase de aperos tanto de labranza como de pesca, incluso chegou a vivir xente dentro delas. Cando eramos pequenos xuntábanse todalas nais da Arrochela para chamarnos e nos, pequenos demos metidos en calquer recuncho do pobo, oiámolas e corríamos para a casa a fume de carozo.
Bieito¡ Bieitiño¡ Mue Bieito¡
Unha vez atopamos a un vello, ca camisa por fora, que nos contou a lenda da voz da barreira. Xuntámonos o redor del expectantes e escomenzou a contar a historia: Aló polo 1940, había unha muller chamada Maruxa, fermosa como ninguna, moreniña con grandes ollos verdes, que tivo a sorte de ter un miniño e mala sorte de que lle morrera o marido tres días antes de nacer. O miniño chamábase Bieito e era a sua razón para vivir, traballaba de sol a sol para que a Bieitiño non lle faltase de nada, era unha nai como poucas, desvivíase polo seu filliño. Bieito non era un rapaz malo, todo o contrario, era moi bó pero como case todolos rapaces, un pouco fedello, un chisquiño traveso. Unha vez el e dous amigos máis con so once anos, colleron unha dorna do peirao e foron dar unha volta con ela ate a illa da Tixosa. Nese mesmo intre, cambiou o vento, entrou unha tormenta e escomenzou a subir unha forte oleaxe que os mandaba cada vez máis lonxe da Praia. Empezaron a gritar para que alguén os fose buscar, pero non había ninguén que os poidese escoitar…tres días despois apareceron os corpo de dous dos rapaces nunha praia da Illa da Arousa, pero non Bieito, ni a embarcación, mais pouca esperanza había xa para el. Maruxa cando se enterou da noticia toleou, foi para a barreira e escomenzou a chamar a Bieito:
Bieito¡ Bieitiño¡ Meu Bieito¡ .- Os gritos eran cada vez máis desgarradores.
Estivo tres días e tres noites seguidas, baixo a chuvia e os relámpagos, chamando ó seu fillo desde a barreira, a xente ía buscala para que volverá para a casa, que era unha pena pero que Bieito xa non ía volver, pero Maruxa tiña a loucura ou a fé, non se sabe ben, que chamando desde a barreira, Bieito oiríaa e voltaría con ela. Os tres días Maruxa morreu, caeu abatida por un raio caeu ó chan e rolou ate caer pola barreira, onde ó chegar dou ca sua fermosa face contra unha pedra, desnucándose e chamándo co seu derradeiro alento o seu filliño.
Bieito¡ Bieitiño¡ Meu..¡
Os catro días apareceu a dorna con Bieito acurrucado dentro dunha das bancadas tapado con redes, cheo de frío, pero vivo. Unha vez máis, ainda que tarde a barreira seguía cumprindo co seu traballo. Desde entonces nas noites de tormenta cando un raio cae cerca da barreira podese adivinar a figura dunha muller morena con grandes ollos verdes, fermosa como ningunha, que cunha voz desgarrada segue buscando ó seu fillo:: “Bieito¡ Bieitiño¡ Meu Bieito¡, que ninguén sabe quen é…agás eu.
O señor Bieito, ca sua enrugada cariña, empapadiña de bágoas, ca sua camisa por fora e a sua pena por dentro, levantouse e encarando a barreira berrou:
Nai¡ Naiciña¡ Miña nai¡
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario