viernes, 21 de agosto de 2009

NOBREZA II.- NIN FU NIN FA (nin fume nin fala)


NOBREZA II
Nin fu, nin fa
(nin fume, nin fala)

O que deseguida vos vou relatar podería parecer crueldade, pero cecais contando todo desde o principio sexamos capaces de ver a verdade e en consecuencia a bondade que pode destellar a nobreza que provoca a unión da fame, quizais sexa certo que non hai mal que por ben non veña..

Pero imos ca historia, Breogán e Xosé eran amigos desde ben pequenos. Xosé era unha desas persoas que sin sabelo nin pretendelo remataba sendo o centro de atención, un líder natural, unha desas persoas especiais que todos coñecemos dos que todo o que lle saía polos beizos caíalle ben, se Xosé fose americano, posiblemente sería sen el sabelo o rapaz máis popular do high school. Ainda que o grupo de amigos era numeroso, para Xosé a amizade que máis tiña en estima era Breogán.

Breogán era o polo oposto a Xosé. Breogán trabábase ao falar, era tatexo de nacimento, a ainda así, ou quizais por eso mesmo, a sua amizade afondou máis que cos outros rapaces. Namentras nos demáis había un pequeño sentimento de envidia, Breoganciño admiraba o que para el era case poesía que Xosé vertía instintivamente pola boca; adoitaba e adoraba escoitalo, quedaba como enfeitizado coas suas charlas, e facíalle sentir fachendoso por ser o seu amigo, case como se dun fillo propio se tratase.

Pero pasou o tempo, xa rondaban todos os sesenta anos e namentras os demáis levaban con naturalidade física a sua idade, a Xosé, debido a un cancro na gorxa, tivéranlle que estirpar as cordas vocais, cando xa levaba tempo finado nunha silla de rodas por mor dun accidente que tivo alá pola Argentina no barco no que andaba. Desde entonces Xosé entro nunha depresión, nunca quería sair, e a verdade os seus amigos da infancia despois de intentalo varias veces, acabaron por desistir.

Breogán tivera que emigrar, caso raro en Gallaecia!, e montara un negocio que lle ía moi ben alá en Costa Rica, daquela non había telefonía e case era imposible manter un contacto a tanta distancia, polo que non se enterara de nada do que a Xosé lle pasaba. Mais, e aquí entrou unha das divinidades da nosa terra, un dos signos de identidade da nosa terra, que nos distingue dos resto dos mortais, e ainda que a pesares de que xa tiña a sua vida feita aló ca sua familia, a deusa morriña dou por estreitar os lazos de unión rotos pola emigración e Breogán voltou para a sua Galiza. Ó chegar, xa o puxeron ó día dos problemas de Xosé, así que foi correndo á casa del. Ó chegar abrazouse ó seu líder, ó seu amigo, e poucas veces teredes visto unha imaxe tan mollada como a que formaban os dous amigos e o millón de bágoas que dos seus ollos saían.

Ó rematar, Breogan levou a Xosé a tomar un viño co resto dos “rapaces”, e como pasa nestes casos escomenzaron todos a falar das anécdotas, das aventuras e incluso da fame que pasaran cando andaban todos xuntos. Nesto estaban cando Xosé empezou a chorar silandeiramente, sen emitir ningún tipo de son, de laio, de lamento para tratar de que bágoas pasasen desapercibidas, pero un deles douse conta e preguntoulle o motivo da sua pena, e Xosé collendo un papel e un lápiz escribiu.”Eu tamén quero falar como vos” e pasoulle a nota a Breogán. Breoganciño arrodillouse cara el e bicándolle as mans díxolle:”
Bas, bas, bastante fala, fala, falaste de pe, de pe, de pequeño, ami, ami, amigho, agora to, to, tócame fa, fa, falar a min” e sorriulle. Todos escacharon a rir, incluso Xosé que non paraba de abrazalo, pero era unha risa sá, nobre…

Nestes tempos que corren, nos que hai moita costume de rirse dos males alleos, quizais coidando que nunca nos veremos mal, tartamudeando egocentrismo, ruindade e maldade a partes iguais, deberiamos aprender do importante que é a amizade contínua, ainda que como neste caso, esté feita de palabras intermitentes..

martes, 30 de junio de 2009

NOBREZA I.- NIN FU NIN FA (nin fume nin fame)


NOBREZA I
Nin fu nin fa
(Nin fume, nin fame)

Adoitaban xogar antes de comer…corrían os principios dos anos 60, o tempo da fame. Unha pelota feita de tripa de porco era o seu balón regulamentario, duas pedras as porterías e a praia o terreo de xogo. Qué Maradonas perdeu este pais por culpa da fame!

Pero como decía, adoitaban xogar antes de comer; facíano descalzos na praia, pero non por medo a encher os zapatos de area; nas zapaterías non entraban areas e nas casas non entraban os zapatos.

Ás dez da mañán baixaron para a praia a xogar, sempre antes de comer, ás veces tamén baixaban as cinco da tarde pero seguía sendo antes de comer…Había un que de tan feble que estaba non podía xogar e era o encargado de radiar o partido: “escomenza o partido na praia da Corna, hoxe non hai unha boa entrada, o público non ateigha as bancadas pero sí está entreghado as cores dos seus respectivos equipos…”
- Cala xa cheiño de moscas.(ha ha ha ha).
Pero el seguía metido no seu papel de comentador deportivo: “Por parte do equipo MAISFAMENONCABENOMUNDO xoghan co sighiente equipo: como porteiro o fillo de caghanoregho Mooooooonchiño, como defensas o trío da morte: Xosé o Paspallás, Parruliño o fillo do enterrador e Pedriño o da Santa Compaña e no medio o duo menos dinámico, tamén conosidos como “quinseañostienemiamor”, Serxiño o de Moncha e o Ghopiño da Batea e a estrela do equipo na punta do ataque Maaaaaaaaaartín Luterquín (ha ha ha), namentres polo outro equipo NOSAINDATEMOSMAISFAMECAVOS como porteiro, o único porteiro manco do mundo Xanciño o de Socorro, como defensas os rápidosdepontequieto Manoel Nervioroto, Marquiños o tarado e Xurxo o tartamudo máis faladoriño do mundo enteiro, completan o equipo no medio do terreo Toñito champanacona e Xiao o esmirrao, e como dianteiro ó unico do equipo que a veces hasta come na casa (ha ha ha), o Puskas de Montañó (en realidade chamábanlle Puskas non polo forte que disparaba senon porque como Puskas era o único ghordiño nun mundo de desnutridos).
Xa despois no medio do partido os comentarios entre os xogadores eran os típicos: “eu chuto máis forte que Puskas”, “non vale furar”, “e o balón entra na portería contraria a todo filispín”, “mira que ghol á reviravolta”, “como volvas a trallar vaste fora do partido, mona do carallo”, “apásama por enriba que vou na llama meu irmán”, “pasa a pelota, chupón da merda”, en fin, os comentarios non eran moi técnicos pero sí o suficientemente aclaratorios.

Xa case levaban catro horas xogando, eran as dúas do mediodia, cando paraban o partido por non poder máis (que Maradonas perdeu o pais por culpa da fame) para mirar para as chimeneas das casas que se albiscaban desde a praia. Como case sempre só saia fume da chimenea da casa de Puskas:
- En fin visiños, teño que marchar que na miña casa- decía case avergoñado- comemos un pouco antes que vos hoxe- agachando a cabeza, como pedindo perdón.
- Sí, decía outro, nos comeremos un pouquiño máis tarde así que seghiremos xoghando un chisquiño máis.
- Sí, é unha pena que te vaias, qúe Maradonas perdeu este pais por culpa do fume!
Votaron todos a rir, porque a fame ademáis de piollos naquel tempo daba tamén unha nobreza e unha alegría na xente, que neste mundo egoísta de fartura endexamáis teremos, que non volte o tempo da fame pero coidado co tempo do fume, que se pode vir contra nos...demasiado fume pode cegarnos.

martes, 14 de abril de 2009

ULA LÚA?


ULA LÚA?

Pouco tempo antes de acontecer o que de seguida vos vou relatar, recordo que un día entrei nunha academia de informática para ver a un amigo e á entrada de mesma tiña expostos uns traballos que sobre a lúa fixeran os cativos de 7 a 12 anos, e entre eles deixoume abraiado o dunha cativa de oito anos que ademais de ter un debuxo da lúa tiña a carón dela unha poesía que dicía así:

A lúa
non e túa,
que é de todos
e garda os soños…
e garda os soños…

Impresionante, mais dias despois de ver o traballo aquel, a lúa desapareceu, esvaeceu do ceo como o derradeiro suspiro dun afogado no mar. - Alguén necesita dela – dixo un ancián ó que todo o mundo apreciaba polo súa sabedoría, e continuou: - Sómente pasara antes unha vez xa hai moito tempo, conta unha lenda que cando algunha persoa cree de verdade que é necesaria na súa vida, a lúa encóllese e deixase levar ao lugar onde cumprir a súa misión.

“Vaia parvada” Escoitouse por alí, pero o vello sinalou unha áurea no ceo que indicaba que se roubara por aquela rexión, momento no cal decidiron organizar batidas para descubrir quen fixera tal atropelo, quen fora tan egoísta de querer posuír para el só o branco e iluminado farol nocturno.

Aínda que a poboación vivía toda xunta nunha pequena concentración de casas ó arredor da igrexa, o certo é que o pobo era moi grande en extensión, polo que se separaron en grupos de dous para comezar a búsqueda.

Por un lado ían Xoán e Manoel, dous amigos que eran envexados pola súa amizade, que semellaba que nada no mundo a podería rachar, era case un matrimonio, pero mellor. Dividiron o pobo en tres cuadrantes, e os dous amigos iniciaron a búsqueda no cuadrante noroeste; non crían moito na historia da lúa pero era a parte onde había máis bares, e iso para eles era un aliciente como outro calquera. Percorreron todos e cada un dos recunchos (dos bares digo), e aínda así fixeron unha labor moi boa mesturando alcohol, risas e investigación a partes iguais, pero sen resultado positivo.

Noutra seira e cubrindo a zona nororiental estaban o pequeno Breixo e mailo seu avó. Breixo ranqueaba da perna esquerda, consecuencia dun episodio froito da mala sorte cando se lle escorregou ao seu avó das mans case recén nacido, batendo contra o chan e provocándolle a irreversible lesión, nunca o soubo superar. Breixiño era un rapaz moi cariñoso co seu avó, sempre sorríndolle e inzándoo a bicos namentres non entendía porqué o vello as veces rachaba a chorar ollando cara a el.

Polo sur-este, se achaban Carmen e Xosé. Ó comezo do seu matrimonio era a idealización do mesmo que todo o mundo anceiaba, a ledicia era unha fermosa monotonía na que vivían refuxiados o un no outro, ate que un día decidiron ampliar ese círculo cun pequeno. Tentárono durante meses sen ningún resultado polo que decidiron ir facer probas médicas para tratar de saber a causa. Ela estaba obsesionada ca idea de ser nai; os nervios non a deixaban ir recoller as probas polo que mandou ó seu home a por elas. El chegou cos informes médicos:
- Que tal meu amor?
- Malas novas_dubidou_ non imos poder ter fillos.
- Por que?- preguntou ela chorando.
- A culpa -dixo tremendo e ca vista baixa- o problema téñoo eu que son impotente.

A partires daquel día, ela xa non o miraba igual. comezaron as discusión, sempre por parte dela, os insultos baseados na falta de hombría, etc. sempre froito da obsesión por ser nai. Con esas premisas foron buscando a lúa, paseando cas discusións de sempre acompañado dos insultos oportunos pola zona sur-leste do pobo.

Na outra parte do pobo non era necesario buscar, xa que era unha chaira sen apenas vexetación que se albiscaba desde tódolos puntos do pobo, nembargantes o vello sabio foi paseniñamente peiteala.

O rematar cadansúa zona, quedaran todos na praza do concello para intercambiar as pesquisas que cada grupo acadara. Chegou a hora da xuntanza e chegaran todos menos Breixo e o avó, mais como tardaban tanto non agardaron por eles.

Xoán e Manuel expuxeron cunha exemplar claridade etílica o seguinte: “revisada toda a parcela, a nos adxudicada e, tomando varias mostras nos diferentes bares, quería dicir….lugares, chegamos á conclusión de que a lúa non se acha nestes dominios”.

Logo, tanto o vello como o matrimonio explicaron que nos seus repartos territoriais tampouco acharon á lúa, e como queira que Breixiño e e seu avó non daban chegado deron por rematada a búsqueda.

Carme acendeu o coche para marchar para a casa e diante de todo a praza dirixiuse ó seu marido: -Sobes Xosé? Ou tamén te sentes impotente para vir comigo no coche- todo o pobo fitou para Xosé con cara de pena. Xosé agachou a cabeza e marchou andando coa vergoña e a desesperación do que da todo e non consegue nada. Empezou a andar cara o monte das almas, onde erguido na parte máis outa do mesmo reinaba poderoso o piñeiro dos salaios que era a árbore na que se aforcaban os que coidaban que rexeitando o corpo as penas marchaban con el, sen saber que os sentimentos só se apuntalan no espírito e non desaparecen nunca, senón que pasan a ser a carga que arrastra a Santa Compaña no seu decorrer. Asemade Xosé preparaba a súa fatídica forca, María entrando co coche no garaxe, atopouse cunha estraña luz que saía dun queixón de ferramentas do seu marido e cando foi mirar de onde proviña, abriuno e saíu dela a lúa que iluminaba uns papeis. Ela comezou a lee-los; eran as probas de fertilidade que tanto el como ela fixeran…as probas dicían que debido a unha meninxite que de pequena tivo María imposibilitábaa a ela para poder quedar embarazada. De repente caeu na conta de todo o que fixera sufrir a Xosé, do cruel que desde entón fora con el, e de que por mor do todo o cariño que el lle tiña e a sabendas das arelas que tiña de ser nai, nunca foi capaz de dicirlle que ela mesma era a culpable de non poder ter fillos, polo que saíu a buscalo para pedirlle perdón e devolverlle tódolos bicos, todo o cariño que desde entón non lle daba…atopouno no monte das almas, pendurado cunha corda ó pescozo do árbore dos salaios xa para sempre morto. A lúa volveu brillar no ceo.

Derrubouse, tirouse ó chan, e preparou outra corda para ela, mais cando se ía a colgar sentiu o choro dun neno e unha man que agarraba a súa; era
Breixiño: - Axúdame por favor, o meu avó caeu por un barranco e non o atopo- Nese mesmo intre a lúa volveu a esvaecer… pero esa xa é outra historia.

A lúa
non e túa,
que é de todos
e garda os soños…
e garda os soños…

miércoles, 1 de abril de 2009

ONTE MORRÍN I (tricontoloxía)


ONTE MORRÍN
(Tricontoloxía)


I

“Onte morrín. ¡Boh! Eu coidaba que era outra cousa, si home, había xente chorando e laiándose, sobre todo unha muller que eu sempre lembraba cun espírito xuvenil e o máis fermoso dos sorrisos, a pesares de que os anos trataban de minar os seus máis íntimos desexos alugados ó noso porvir, miña naiciña, unha bendita. Mais polo resto a verdade é que me desilusionou isto de morrer, agardaba outra cousa, que sei eu, un túnel ao final, unha lumieira que me guiara por un camiño oculto entre as tebras, alguén agardándome para levarme a algures (dependendo de como me portara en vida), nese aspecto coido que gañei non atopando a ninguén dedicado a estes labores; ou converterme como na película nun corvo segundo fosen as circunstancias da miña morte. Pero que va, nada diso, aínda que case mellor así, tampouco me atopo tan mal, de feito, eu sempre padecín dos pulmóns por mor dun (como dicía meu avó) – ghripe mal curado – e nembargantes neste estado non teño a sensación de afogamento que sempre sufría...pensándoo ben, se o sei ... ¡morro antes, que carallo!”
“Tamén tiña a idea de que se morrías ía vir a túa familia defunta a buscarte, mais tampouco, se ben, a verdade é que a algún si gorentaría de velo, a outros – ¡bueno coño! – aínda que non os voltara ver, tampouco se perdía nada. O peor de todo isto é a intriga, o non saber, a ignorancia do que poida acontecer a partires de agora. Digo eu, estou morto, vale, moi ben, son consciente diso e estou disposto a apeitugar con esta situación, mais aquí estou, sen saber que facer nin que vai pasar ; esto lémbrame unha vez que quería coller o autobús e pregunteille a unha mociña- mira jopiña,¿a que hora sae o autobús para Lestrove? ¡ Quén me dera agora unha jopiña ou cativiña que me indicara a que hora ou onde se colle o “defuntobús”, ou simplemente que me ensinara o protocolo a seguir para pasar de vivo a morto”.

“Reflexións á parte, o certo é que non lembro como cheguei a morrer, de que morrín, polo que trato de pescudar entre os presentes no meu velorio. Hai unha señoriña que di algo así como – non ves muller? morreu no mellor de vivir – e sen querer boto a rir; faime gracia porque esta é unha expresión que me soa repetida, é que a verdade, en Galiza un defunto que se precie só pode morrer de dúas maneiras, ou ¡no mellor de vivir! ou ¡para sufrir así, foi mellor que o levara “nuestro señor”! Eu estou no primeiro grupo, ha ha ha. Por riba, parece ser, segundo escoitaba alí, que era certo, que me tocaran uns bos cartiños nunha lotería, que ía casar cunha mociña ben bonita, ben boa e de mellor familia, herdando unha inmensa e preciosa casa de pedra cun xardín , como dirían os de Aghiño (localidade do Barbanza), que non se lle calculan os ferrados que abarcaba dun meu tío que levaba toda a vida en Nova Iorque, e que eu nunca coñecín, quizais agora. Xa hai que ser parvo para morrer así. (Boh, se o sei non morro).

ONTE MORRÍN III (tricontoloxía)


ONTE MORRÍN III
(tricontoloxía)


“Onte morrín. E agora que? Devecía por saber que sentían os humans ao pasar ao alén mundo. Nin polo maxín se me pasou caer eu mesmo na miña trampa, autonicándome, languidecendo pouco a pouco, atrapado nas miñas infalibles gadoupas. Miro ao meu arredor e vexo á xente felizmente alporizada, saltando, revirados de alegría, berrando ao unísono:- morreu a morte, matamos á morte, xa ninguén máis voltará morrer-“.

“A morte feita cadáver. Trato de razoar que significa todo isto, cales poden ser as consecuencias da miña morte. Nun principio semella algo bo para o ser humano. Xa ninguén morre. Agora que parecía que o descenso da natalidade podería supor un problema no planeta terra, de súpeto achamos unha solución...¡non saben que fixeron estes humanos!.”

“Imaxinemos unha persoa duns cen anos, cos achaque típicos da súa idade: reuma, perda paulatina dos sentidos e das capacidades motrices, dores, enrugamento da pel con chagas, etc..máis ou menos sería un caso normal dos que chegan a esa idade, agora voltemos imaxinar ese corpo con mil anos, con dous mil anos... porque a morte non ten nada que ver coas limitacións e a finitude do corpo humano”.

“Xa non me vou meter nas consecuencias socio-económicas que serían verdadeiramente destructivas (paro, ¿a qué anos sería a xubilación?, acugulamento da poboación e do planeta en xeral, propagación de pragas e enfermidades víricas xa que se os homes non morren os animais tampouco, fame, ateigamento de peixes no mar ate non quedar mar, o ar inzado de aves ate non quedar un anaco de ar, en fin un planeta envolto de corpos podrecendo, un planeta morto en vida”.

“Eu non era o malo, o meu traballo nun principio consistía en separar os corpos das almas cando os primeiros xa non daban máis de si mesmos. Eu tiña un labor case de caridade, de liberación, era unha peza indispensable para poder manter a vida no planeta tal como estaba concebida. Os malos eran eles mesmos, os humanos, os mesmos que me mataron a min. Eles son os que violaban e mataban meniños, eles asasinaban e maltrataban mulleres, acababan cas poboacións so con afán de lucro, eles escravizaron corpos e mentes da xente mental, social e economicamente febles ate levalos ao suicidio, eles exterminaron comunidades enteiras experimentando con armas químicas, eles, en fin, foron e seguen sendo fontes de corrupcións, maltratos e vexacións de todo tipo, acabando con especies enteiras de animais, eles foron os que trocaron a miña amable e fermosa imaxe por unha tenebrosa figura esquelética cunha gadaña para dirixir a súa culpa cara a min. Eu fun creado para acoller aos de (como din na comunidade de humans da Nazón de Breogán) :-para sufrir así foi mellor que os levara “Nuestro Señor”- pero por culpa deles rematei traballando mil veces máis cos de:- non ves muller, morreu no mellor de vivir-. Malditos humanos”.

“ E agora atópome aquí vagando en terra de ninguén, mataron á morte e agora non hai quen me leve, só me queda vivir na morte, mirando como van morrendo os homes en vida...¡Que fixestes insensatos!

ONTE MORRÍN II (tricontoloxía)



ONTE MORRÍN II

(tricontoloxía)

“Onte morrín. Unha víctima máis da violencia doméstica, é mellor morrer que seguir aturando este suplicio, prefería que morrera el, pero os paos sempre creban pola parte máis feble e neste caso era eu. Debería odialo, mais a xenreira non atopa camiño cando a impotencia o inunda todo. ¡Ai, meus filliños, estou fitando cara eles, os dous ingresados na U.V.I., qué culpa tiñan os coitadiños, non che chegaba comigo fillo de puta! Ai, meu Deus, déixaos vivir, lévame a min aínda que sexa mil veces pero déixaos a eles que vivan, que teñan a posibilidade de acadar permanentemente a felicidade que eu non disfrutei nin por momentos.”

“¿Quen anda aí? Aparece ante min unha figura humana, semella un home, cunha cara fermosísima e a mirada máis doce, o sorriso máis cativador que endexamais ollara, o cal, dirixíndose a min cunha confortable voz díxome: non teña medo, son a morte”

“Nun primeiro intre tiven unha sensación de hostilidade e incredulidade ao mesmo tempo, pero curiosamente nunca de medo. Era demasiado feitiña e agradable a morte anque como ela mesma dicía non tiña un oficio demasiado popular entre a xente. Eu adoitaba pensar na morte como alguén horrendo, unha caveira cunha carapucha negra, mirada sanguiñolenta e afiada gadaña, en fin, unha mala besta, pero todo o contrario, comezei a contarlle a miña vida e namentres lla ía relatando trataba de consolarme, de confortarme, minimizando e ate case ridiculizando o mesmo estado de defunción. Xa non tiña medo a morrer, semellaba tan natural na serenidade das súas verbas que non cabía sentimento negativo de ningún tipo nese trance”.

“De súpeto, a morte desviou a súa mirada cara á U.V.I. por un intre, voltando a súa cabeza ao sitio pero agochada. Detrás de nos albisco dúas pequenas figuras achegándose. Ao ir alzando a súa bonitísima face agora inzada de bágoas, sinalándome para a U.V.I., díxome:- ás veces non é doado ser a morte- Volto mirar cara ás pequenas figuras e a miña serenidade derrúbase: - meus filliños, fillo de puta...”

jueves, 26 de marzo de 2009

CROQUE (FRORES ENSANGUENTADAS DE SAN XOAN)



Croque de paixón, croque de estalida beleza, croque de morte.
(Croque: inicio-adorno-final)

(INICIO) Noite de San Xoán; xuntabamos madeira e amizade a partes igüais para acadar que a nosa fogueira competira en tempo e orgullo coas das nosos conveciños.

Non a coñecía, era parte activa da cadea humana que para o traslado de leña formaramos. Estaba a carón de min mais non lle prestaba atención ate que no mesmo intre en que me ía pasar unha pola de abidueiro enfeiticeime cos seus ollos e levei o máis forte e á vez menos dooroso dos croques que a susodita pola me puidera dar, fancendo que no lugar de gacear mil laidos, sospirara salaios de vertente amorosa.

(ADORNO) Somente motivados polo instinto e nese mesmo intre abandonamos a cadea e paseniñamente fomos camiñando como monicegos sen radar, recricando cas frores malvas de croque, previamente estaladas como manda a tradición (as frores de San Xoán estalan na mán), a sua xa de por si adornada cintura.

(FINAL) Saltando de rocha en rocha esvaramos os dous...ela abreu a cabeza e pechou para sempre os ollos; marchou como veu, silandeiramente, sen apenas coñecela; a min saiume un croque na cabeza, que pasou en dous días e outro no corazón que todavía non pasou. Xa as frores de San Xoán non me estalan somentes na man...

AINDA NON CHEGOU A HORA


AINDA NON CHEGOU A HORA

Era a muller máis escrava que xamáis vira, era miña tía, traballou arreo toda a vida para que nin a min nin a miña coitadiña nai nos faltase de nada. De nada nese tempo considerado o tempo da fame, era simplemente ter algo de comer case todolos días e ter algo que calzar e roupa non demasiado raida para por no inverno. Para acadar todo eso sacaba o gando a pastar cando ainda non cantara o galo, ía traballar a tódalas leiras cantas podía, o rematar ía as piñas e á leña para os señoritos e ainda atopaba tempo para coser na casa do cura, todo esto sin descoidar a casa nen a sua familia. Era todo xenio, cunha forteza física inagotable, nunca estaba queda, non lembro que se acostase antes das duas da mañá nin que se erguera despóis das cinco.Era escrava dos escravos da Galiza profunda, terra de nenos-home e de vellos de apenas corenta anos eivados e deformados por mor do traballo e as angurias que pasaban, facendo frores dos toxos que a vida lles ofertaba. E agora languidecía nunha cama de palla, morría a pesares dos nosos coidados. Polo que decidimos falar co cura a ver que podiamos facer. O señor cura tiña tempo para bautizar ó fillo do señorito máis non para darlle a extremaunción á miña tía, díxo que abondaba con que pouco antes de morrer lle botáramos unhas pingas de Auga Bendita debaixo da cama.Cheguei ao seu cuarto; case non alentaba, tiña os ollos pechados e un esblancuxado semblante que agoiraba o peor, que semellaba chamar a gritos á morte polo que decidín botarlle as pingas de auga debaixo da cama, máis cando ó ía a facer, sin abrir os ollos nin mover un só músculo do seu corpo díxome. “Estate queda Pepa, ainda non chegou a hora, xa che aviso eu”. Marchei asustada, non podía entender como sabía o que ía facer. Pasou o día, e a maña seguinte, cando lle ía limpar a habitación díxome: “Agora Pepa, agora chegoume a hora”; deseguida fun collela auga e botarlla por debaixo da cama- “grazas Pepa”- xa nunca máis voltou a falar.

lunes, 9 de marzo de 2009

PENUMBRA




PENUMBRA


...esa maldita luz outra vez..

Desperto no medio da noite, aterecido de frío, ruidoso silencio espido de razóns, e outra vez esa maldita luz esnaquizándome o sono, invadindo xudíamente o meu palestino estado onírico; sempre a mercede dela, desa bombilla... que alguén a apague, a oculte, a afogue....

Ao non poder dormir, levantome na penumbra da noite na miña xélida habitación e érgome agonizante, movéndome dun a outro lado sen máis sentido que o meu proprio instinto.


De repente sinto unhas dores que me derrotan, fanme encoller e agazapado nunha esquina da habitación escomenzo a tremer, entre pálpitos e convulsións, cecais tamén mercede á febre, creo divisar unha figura enfrente a min. Trato de acercarme a ela e a figura se achega a min..

“...non, non,...socorro, .. non pode ser, deus me axude, como pode ser, ¿que pasa hoxe?, ¿que é isto?...”

Hai un lobo na miña habitación, non pode ser, ten que ser a febre, delirios de vertente lobisome, o máis grande, terrible e fero que endexamáis vira ou imaxinara, cos ollos ensanguentados; si o demo existe debe ter a misma mirada, os mismos xeitos; achégome a el e el lonxe de afastarse acercase ao mesmo tempo ca min.

Xa case pegado a fera, instintivamente trato de afastalo golpeándolle con todalas miñas forzas...oese un ruido de cristais e o lobo e esvarécese, desaparece da miña vista, mais sinto que ainda segue aquí.

Desesperado, pecho os ollos e trato de esquencer todo o que está sucedendo, como si non mirando o problema desaparecera; aférrome a almofada da cama como Estados Unidos á liberdade petrolífera do pobo iraquí e alonxándome mentalmente dese maldito lugar, dese maldito animal e desa maldita luz consego dormirme...

Oito e media da mañán, o furioso son do despertador consegue interrumpir o meu pesadelo. Abro os ollos, xa é de día. As sábanas da cama están rasgadas, a fiestra aberta, o espello da porta do armario roto en anaquiños esparcidos polo chan e esa maldita luz blanca transformada no amarelo farol do sol, maldita lúa chea...

P.D.: Os comezos dun xoven lobisome.




A XOIA MÁIS BONITA

A XOIA MÁIS BONITA

Ela estaba cansa, un día esgotador no traballo. Non veía a hora de que chegara aquel home, como diría ela, posiblemente o mellor home do mundo. E chegou, vaia si chegou. Veu silandeiramente, sen apenas facer ruido, con aquel soriso terapéutico que xa de por sí, fai sentir mellor a quen o recibe. Ela subeu ao seu coche , e como o tempo non lle sobraba (cecais nunca lle chegaba cando se trataba de estar con el) aparcaron alí cerca, nunha pequena subida arroupada de árbores, piñeiros e castiñeiros sobor de todo, moi perto da praia, que entre os solpores da hora, o calor do verán e as sombras das árbores, facía que se respirara un extraño pero relaxante ambiente que invitaba ó descanso.

Con estas premisas ela pausaniñamente deslizou a sua cabeza ate as pernas del pechando os ollos mais sen quedar a dormir. Entonces pideulle que lle leera algo namentras ela aliviaba as tensións do traballo aloumiñada sobre o seu regazo.-“non podo meu amor, non teño nada que che poida ler aquí no coche, nembargantes vouche contar unha historia desas con final casi feliz”.

Nese mesmo intre escomenzou a historia o mesmo tempo que acariñaba o seu pelo, maxaseándoo agarimosamente, como a ela máis lle gorentaba…”esta é a historia dun home deses que a vida lle sorrira, tiña todo o que se pode mercar..case todo. A sua obsesión era atopar a xoia máis bonita do mundo. Entonces aconsellado por un experto viaxou ó Amazonas donde decían que había unha parte casi virxen pola inaccesibilidade do seu discurrir onde descansaban as pepitas de ouro máis brilantes e máis grandes que xamáis se atoparan ate entonces. Para poder facelo tivo que vender unha parte importante das suas posesións; organizou un grupo de espeleólogos e foi a buscar a sua xoia…a vida seguía sorrindolle, en pouco tempo atopou a pepita de ouro máis impresionante tanto polo seu tamaño como polo fermosa que ninguén achara antes e levouna para o seu pazo.

O chegar ó seu fogar era o home máis feliz da terra; pasaba o día mirando para ela, ate que chegou as suas mans un libro no que se aseguraba que no corazón de África existía unha mina oculta na que descansaban os diamantes máis grandes e puros do mundo. Xa a felicidade se perdera da sua face, xa a sua pepita de ouro non era a xoia máis bonita do mundo. Así que escomenzou a formar unha batida de homes para viaxar o continente negro. O chegar alí, todo parecía virlle en contra: as altas temperaturas, a falla dunhas coordenadas craras para atopar a susodita mina e o esgotamento ían minando a su moral xunto cos seu recursos; por riba cando xa se daban por vencidos levantouse unha tormenta de area que lles impedía recoller o campamento e marchar, así que se agocharon nas tendas de campaña ó abrigo dunha duna. Por fin dous días despóis rematou a tormenta. O sair descobriron que a tormenta desprazara a mesma duna que escolleran para resgardarse… a vida voltáballe a sorrir, xa que nese desprazamento a tormenta deixou o descuberto a entrada da ate entonces mística mina que endexamáis ninguén atopara. Entraron en ela e poideron comprobar que todo o que se expricaba no libro era totalmente certo, ate o ponto de encontrar que na entrada, xusto ós seus pes, descansaba a modo de carta de presentación o diamante máis grande e puro do mundo.

Xa de volta no pazo, volvía a albergarse en el o color da felicidade máis absoluta, xa tiña de novo e esta vez de verdade a xoia máis bonita do mundo, ou eso pensaba el…un mes máis tarde recibeu na sua casa a visita dun amigo que viña de vacacións de Inglaterra onde fora a ver o museo de Exiptoloxía e ensinoulle un folleto dos que alí recollera no que se falaba dun arco do que había constancia que se fixera pero que ate a fecha non se atopara. Era una arco dun valor incalculable, a lenda decía que estaba feito dun mineral extraterrestre, ribeteado de rubies e con motivo florais con base en ouro e realzado con ópalos e diamantes, posiblemente- remataba así o folleto-, “a xoia máis bonita do mundo”. Xa o diamante non enchía o seu ego, xa non era o que cobizaba, así que vendeu tódalas suas pertenzas (incluida a pepita de ouro e o diamante), e reuneu un grupo humano formado polos maiores expertos en exiptoloxía máis unha numerosísima cuadrilla de apoio xunto cos medios máis caros e sofisticados que nese momento había para desenterrar o preciado arco que se suponía que descansaba nun túnel secreto que percorría o camiño existente entre as pirámides de Keops e Kefrén. Dous meses de traballo levaban xa escavando túneles, pero non pararecía o arco. O orzamento previsto ía rematando e seguía sen aparecer, incluso algúns homes continuaron a búsqueda ainda sabendo que o xefe xa non lle podía pagar…pasaron os días ata que todo rematou, xa non quedaba nadie agás el mesmo. Namentras paseaba desesperado e xa sen ningún tipo de esperanza entre Keops e Kefrén a terra abreuse ós seus pes debido a cantidade de túneles que xa fixeran e caeu ó interior dunha cova que non fixeran eles; entrou nela e outra vez a vida volvíalle a sorrir, xa que alí, no fondo dese túnel, descansaba o maravilloso arco que tanto debería por atopar. Empezou a correr cara a él e abrazouno como quen se acolle a un derradeiro alento de salvación, acariñábao como unha nai a un fillo que languidece…estaba idolatrando a sua xoia cando un novo corremento de terra deixouno encerrado.
Morreu esfameado, lixento, aterecido de frío, sedento, huraño, só pero feliz, xa tiña a xoia máis bonita do mundo, ou eso creía el, xa que faleceu sen saber que a xoia máis bonita- e dándolle un bico a sua muller rematou a historia decindo- en realidade descansaba no meu regazo…quéroche miña xoia.

jueves, 5 de marzo de 2009

Cun amplo SORRISO

CUN AMPLO SORISO
“Chorei un océano de bágoas por ti, non secarei ningún deserto cos anacos deste sentimento para facerche feliz; ninguén vale tanto”. Xa pasaron oito anos e esas verbas seguen rebotando no meu maxín como os camaróns presos contra as redes dunha nasa. Era a primeira vez que eu deixaba a alguén. As miñas relacións sempre eran rachadas de maneira unilateral por parte das miñas parellas. Pero esta vez era distinto, necesitaba o meu espazo vital, a miña parcela de liberdade. Recordo a primeira vez que a vin; chegou cun amplo soriso deses que non necesitan do cambio climático para adiantar o comezo da primaveira en decembro. Viña ademáis acompañada dun ramo de frores, coidaba que eso so eran regalos para mulleres, pero cain na conta de que non é un presente para mulleres senon que somentes elas son o suficientemente intelixentes para darlle o valor que realmente teñen.
Despois de deixala, estivo loitando con todalas suas forzas para recuperar a nosa a relación ate que non pudo máis e cuspiu case sen forzas esas verbas que non esquenzo.
Nenbargantes, coido que agora eu son eu o que necesito atopala para ceibar a miña liberdade que debece por verme con ela. Outra vez como desde hai oito anos voltou a deixar un ramo de frores ao pé do meu nicho e marchou, cun amplo soriso deses que…

INOCENCIA


INOCENCIA
“Elvis Presley naseu en Ghalisia...”
Era un día estrano de calor, cunha escura cor no ceo que amenazaba tormenta; un deses días nos que as nubes semellan querer por lindes ao espazo aéreo, de feito caían sobor da dársena de Bueu pingas de choiva que apenas se sentían ainda que aos pouquiños nos ía calando a todos.

Algo acontecía naquela dársena. Un grupo de cativos ollaban sinalando cara ela cunha mistura de tensión, asombro e curiosidade.

De pronto chegou un dos da banda ca cara deformada como por un golpe e a roupa sanguinolenta con novas que segundo el mesmo escoitara no telediario, falando con acento das Rias Baixas, un castelán galeguizado a forza de introducirlle gheadas e seseos.
- ¿Escoitastedes as notisiiiiiiias? Eeeelvis Presley naseu en Ghalisiiiiiiiiia.-dixo cantando, como si fose de Marín.
Ninguén lle fixo caso, estaban todos absortos co suceso da dársena, nin tan siquera fitaron cara el, agás unha extraña persoaxe que o rapaz nunca vira.
- Eso que dis e mentira, Elvis Presley naceu en Tupelo, no estado de Mississippi.
- Que sí- insisteu- que o dixeron no telediario...polo visto naseu en Palmeira eeee..e era pequeño-improvisou.
- Elvis era máis ben alto.- replicoulle sorrindo.
-Boh, paresía alto porque porque...-volvía a improvisar-...porque os americanos son pequenos ou, ou ou...ou cresería polo cambio de aires; hai moita xenté que lle afecta moito como ....como a Elvis Presley. A extraña figura escachou a rir.
Continuaron mirando cara a dársena donde tres pequenos barcos pesqueiros”dos que andan á sardina”, según comentaba un dos rapaces cunha pose de autoridade en cuestións náuticas, tentaban sacar algo do mar; algo que desde a lonxanía semellaba un tronco dunha árbore, ou un peixe grande, ou...o de sempre, maldita sexa, outro pescador afogado que pasa a engrosar a longa lista do cemeterio náutico de Galicia. Poderíamos facer nesta nosa nación un salón náutico-necropesqueiro con tódolas crases de afogamentos: por descoido, por celos, por confianza, por carraxe, por fame, por decisión propria...cecais estes dous últimos sexan os máis terribles e só por iso serían os stands máis visitados da nosa necroexposición; así funciona o ser humano, supostamente o máis racional dos animáis co máis animal dos raciocinios.

O afogado xa estaba sobre o peirao metido nun dos sacos que as autoridades correspondentes teñen preparados para estes tristes casos. O rapaz e a estraña figura acercáronse ate o lugar donde se achaba o cadáver. O cativo asombrouse ó ver á sua nai chorando diante da bolsa do afogado, mais perto del había unha antiga cassette rota e desfiañada de Elvis Presley que chamou a sua atención. Namentras o a extrana figura acercouse a nai do rapaz e escoitou a unha señora que decía:”coitadiña, onte morreu o seu fillo Akeliño nun accidente e hoxe o seu marido afogado”.
O rapaz fitou para a cassette de Elvis Presley, para a nai e para a bolsa do cadáver e pensou para el mesmo “mi madriña, non sei si Elvis Presley naseu en Palmeira pero mira por donde, veu morrer a Bueu, e preghuntome eu, desde cando a miña nai é fan de Elvis”.
Elvis Presley colleu o rapaz pola man e díxolle:”vente Akeliño, imos a buscar ó teu pai”.
Akeliño, co máis terrible das inocencias contestoulle:”ooooh, meu pai vai a tardar en chegar que saiu a pescar”


Elvis Presley fitou cara él e votoulle un soriso de compasión con bágoas nos ollos...coido que é a primeira vez que vin chorar a un espírito.

domingo, 22 de febrero de 2009

ESTE CONTO NON TEN FINAL

ESTE CONTO NON TEN FINAL

En Galiza hai un home que ten máis de mil anos…

Sentado nunha cadeira de madeira con repousabrazos que sen ningún tipo de finalidade estética puxeran enfronte da mesiña-escritorio da miña habitación e ollando desde a miña fiestra como a medida que subía a marea desatábase de novo unha terrible tormenta das que os vellos chamaban “das de antes”, trataba de encontrar un fío condutor para un novo relato que trataba de comezar:”Non sei que daría porque a miña Virxenciña da Renda particular me inspirara como só ela foi capaz de facer outras veces”. E nisto estaba Ghopiño, cando sentiu unha estraña presenza achegándose por detrás…era a morte:

GHOPIÑO: Quen anda aí?.
MORTE: Son a morte.
G: E que se che perdeu por aquí- dixo con certo anoxo.
M: Veño buscarte.
G: E ti coidas que estas son horas de andar a molestar a xente?
M: Homeeee- dubidou- eu é o que me mandaron.
G: E porque sabes que son eu e non te erras de persoa, acaso coñecíasme de antes?
M: Home non, pero polos sinais que me deron…..
G: Que che dixeron, que viñeras a buscar a un pequeno ghordiño de Palmer City, como dirían os americanos?
M: Non exactamente pero por aí van os tiros.
G: Moi ben, agora imaxina que aquí vive unha persoa desas características e que eu estou de okupa, segues estando seguro de que son eu a quen tes que levar.
M: Estás aquí de ocupa?
G: Si, agora que?
M: Pois non sei, eu…
G: Que va homiño, son o único que vive aquí, pero imaxina que fose ao contrario, xa me levabas ó alén mundo so por ser pequeno e ghordiño- votou a rir. –Que pouca seriedade carallo!
M: A ver, Ghopiño, non mo poñas máis difícil.
G: Ah moi ben, si para ti é difícil xa me contarás para min, que son o que vai morrer (ha,ha, ha).

Ghopiño outeou de arriba a abaixo a figura da morte e cunha mestura de tranquilidade e sorna continuo dialogando con ela:

G: Mira, a min a verdade e que tampouco me importa morrer, ao fin e ao cabo vouno ter que facer polo menos unha vez, así que nese aspecto o mellor era facelo canto antes e xa continuar tranquilamente vivindo, sen máis sobresaltos deste tipo, non?.
M: Pero…, é que se morres suponse que é para sempre.
G: Quen che dixo iso a ti?. – dixo sorrindo.
M: Home, eu é o que teño entendido.
Ghopiño botou as mans á cabeza cunha clara pose de “non o pode crer”.
G: Ai meu deus, pero que desastriño me es, e ti dedícaste a isto da morte, xa collen a calquera por alí arriba. Ti de verdade eres a morte o mándaronche dunha E.T.T. porque a titular está de baixa?. Agora en serio, nunca oíches falar da reencarnación?
M: Home, algo escoitei- quedou pensativa- e se así fose en que ou en quen che gorentaría reencarnarte.
G: Non o teño claro, o que si trataría é que non fose pequeno e ghordiño que non sei a conto de que nos tendes manía (rieu).

A morte comezaba a pasar dunha fase de estupefacción a unha etapa de nerviosismo e empezou a dar voltas a habitación, namentres Ghopiño continuaba coa súa trenla:

G: Mira que che digho, e logho hai necesidade de andar con esa gadaña tan chea de ferruxe. Ti non te das conta de que podes tocarme con ela sen querer e podo coller unha infección, e iso queiras que non, é moi incómodo e ademais fai un cadáver moi feo, e non quererás que a miña nai me teña que ver por derradeira vez todo cheo de gangrena e chagas.
M: Ate o de agora ninguén se me queixou.
G: Dáme a sensación de que tampouco das demasiado tempo para as queixas (sorriu). Ti chegas e como di un amigho meu “nun vira vira” fas o teu traballo e listo.
M: Non vexo porque hai que botar máis tempo.
G: Non sexas ruín, cando vas morrer, uns minutos arriba ou abaixo a ti ighual non che supón nada pero ao que morre, poida que si.
M: Nunca o vira desa maneira, desculpa, tratarei de ser máis considerada.
G: De tódalas maneiras, ao que íamos. Ou sácaslle o ferruxe a ghadaña ou vai buscando outro pequeno ao que levar.
M: Pero..
G: Nada, nada, sen peros, se queres que me vaia contigho vai limpando a ferramenta.

A Morte comezou a soprar cunha mestura de nerviosismo, desesperanza e enfado ao mesmo tempo, mais fixo o que Ghopiño lle dixera como a última petición do moribundo e sobre todo para non andar con máis voltas:

M: A ver homiño, compráceche a ferramenta tal como cha traio, ou aínda non?
G: Moito mellor, ves como non custa nada facer as cousas ben, ademais eu non sei como che deixan traballar así, alí arriba nunca oíron falar do Plan de Riscos Laborais, non se pode traballar con esas artes en tan mal estado. Ademais, mira que pinta levas.
M: Por que dis iso? eu son a morte.
G: Pero ti viches que roupa levas.
M: Que lle pasa a miña roupa?.
G: Que lle pasa a miña roupa, que lle pasa a miña roupa, pero ti mirácheste ao espello hoxe?, de que contedor sacastes esa roupa, eses farrapos sen pranchar, sucios e por riba neghros, que pasa, estás de loito, morreuche alghén? – outra vez votou a rir.
M: Non sei, levo toda a vida así.
G: Pois xa é hora de que te vaias cambiar, eu así non vou contigho a ningún lado. Ti non ves os que traballan nos tanatorios, sempre perfectamente peiteados e vestidos cun traxe, da ghusto ir con eles a calquer lado, pero contigho…; veña vaite cambiar, pon algho máis aleghre ou polo menos máis eleghante; tes que pensar que para a persoa que vas levar, é un dos días máis importantes da súa vida, ou debería dicir da súa morte, hahahaha.

Nunca tal lle sucedera, a Morte non daba creto do que oía, pero foise cambiar. Rebuscou roupa nos tendedeiras ate que rematou por escoller unha camisiña branca, unha saia vermella e negra con faldriqueira e refaixo, unhas medias de liño, e un xustillo con mantelo de gala adornado con pedrería verde, pasou de andar con aqueles andraxes a ser a máis enxebre das mortes, e desa maneira volveu cara Ghopiño:

M: Xa estou aquí, que che parece, xa podes vir ou aínda non che remato de gorentar?
G: Muller, non é o que agardaba, pero o certo é que non che queda mal, unha morte tan enxebre como despeiteada. Pero mira que peliños, non te peiteaches hoxe.
M: Home, non eu..
G: Eu, eu, eu, ti cres que esas son maneiras de levar a un home. Mira vaite peitear un pouquiño e xa logho ves buscarme.

A morte ao ver a seguridade con que lle falaba, foi para o baño e comezou a recoller aqueles peliños revoltos e a asear aquela faciana descoidada sen ter moi claro o porqué, e tornou para xunto Ghopiño.

M: Xa estou aquí, váleche agora?.

Agora o que quedaba aparvado era Ghopiño, a morte era unha muller, fermosa como ningunha, cuns profundos ollos verdes a xogo coa pedrería do mantelo, cálidos e brillantes como o lume do mesmo inferno. Embruxada a noite coa leixaprén das distintas tonalidades que os lóstregos da tormenta cuspían na habitación a través da fiestra, dou por enfeitizar o momento tanto como aos protagonistas cuxas miradas se atoparon establecendo lazos que Morte non sabía que era quen de sentir por ninguén e que Ghopiño endexamais soñou sequera ter con unha muller e moito menos coa morte. Mais, caprichos do corazón, que teimaron que houbese algo entre eles, acadaron por crear a parella máis fúnebre, estraña e fiel dende King Kong e Fay Wray. Nesta senrazón andaban, cando Ghopiño exclamou:

G: Lévame o resto da miña vida ou da miña morte ou o que sexa que teña que experimentar contigho.

Morte pensou que se o levaba con ela xamais volvería velo, así que acercando a súa meixela á del dixo:

M: Que estás facendo?.
G: Un conto, un pequeno relato.
M: De que vai?
G: Dunha historia de amor entre a Morte e un pequeno ghordiño de Palmeira, pero se temos que marchar..
M: Non hai presa, agardo por ti ata que a remates.

Ghopiño caeu na conta de que se remataba o conto, Morte tería que levalo con ela e perderíanse para sempre…por iso en Galiza hai un home que ten máis de mil anos e un conto sen rematar.